O descenso dun 35% nos usuarios de transporte público sinala evidente a necesidade do transporte metropolitano de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
A directora xeral de Mobilidade na reunión con representantes da zona

A directora xeral de Mobilidade na reunión con representantes da zona

A Xunta de Galicia presentou esta mañá os resultados dun traballo de campo realizado na área de transporte metropolitana de Vigo do que se conclúe que o número de usuarios de transporte público descendeu entre 2007 e 2013 nun 35%, é dicir, pasou de 4.227.152 usuarios en 2007 aos 2.709.451 no pasado ano. Á vista deste descenso, a directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero Salas, sinalou que o sistema de transporte público que na actualidade opera na área de Vigo está obsoleto e non cumpre cos obxectivos e necesidades de mobilidade dos cidadáns desta área e polo tanto, o descenso de 1,5 millóns de viaxeiros xustifica a posta en marcha do plan de transporte metropolitano na área de Vigo.

A directora xeral de Mobilidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo unha reunión á que estaban convocados os municpios que integran á area de transporte metropolitana, formada polos concellos de Moaña, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona, Nigrán, Vigo, Cangas e Mos. Coa actualización deste estudo, tamén se comprobou que o título metropolitano de maior aceptación polos usuarios é o sinxelo cun 54,31% das viaxes, alcanzando unha porcentaxe de uso do 74,05% entre os usuarios que viaxan en autobús. O peso deste tipo de billetes baixa de forma considerable no modo barco e tren, debido a unha comercialización máis ampla de bonos e tarxetas que introducen descontos sobre o custo da viaxe.

Billete único

A implantación do PTM na área de Vigo suporía importantes aforros económicos para os seus usuarios, este foi outro dos puntos analizados no informe: o prezo de cada viaxe, calculado en función dos datos e viaxes que se producen na actualidade. A directora aclarou que o prezo dunha viaxe, con independencia do número de etapas ca conforma, dependerá do número de saltos entre a orixe da primeira etapa e o destino da última así como do título de transporte empregado. Así, unha persoa de Vigo que desexe ir ata Baiona pasará de pagar 2,15 (billete sinxelo) a pagar 1,28, case un euro menos, co transporte metropolitano. No caso do billete urbano, o prezo do billete sinxelo suporá un aforro dun 35% do custe coa implantación do transporte metropolitano, ao pagar 0,86 no canto de 1,32 que custa o billete sinxelo.

A directora destacou que na área de Vigo aplicaranse os mesmos criterios que no resto de áreas nos que está implantado o Transporte Metropolitano. As bonificacións son cofinanciadas polas diferentes administracións. Así, todas as viaxes de carácter metropolitano son subvencionadas pola Xunta nun 80% e polos concellos da área nun 20%. Así mesmo, o Goberno galego abonaría o 100% do custe dos transbordos que se produzan dende os buses metropolitanos aos urbanos.

Triguero Salas facilitou esta información aos concellos da área para que agora analicen o contido do mesmo e determinen e fixen as súas capacidades para integrarse neste proxecto de mobilidade que xa funciona en catro áreas de Galicia.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, en palabras de Camino Triguero, é un conxunto de actuacións e directrices de coordinación encamiñadas a mellorar a competividade da oferta de transporte público colectivo no ámbito das 7 grandes áreas urbanas de Galicia. No caso da área de Vigo, esta iniciativa integra, tal como se citou anteriormente, aos concellos de Cangas, Moaña, Redondela, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona, Nigrán e Vigo, é dicir, máis de 450.000 habitantes.

Outros datos

Na área de Vigo preto dun 60% dos movementos para desprazarse ao lugar de traballo ou de estudos realízanse en vehículo privado. Soamente 1 de cada 5 cidadáns acostuma empregar o servizo público en Vigo. Con esta iniciativa a Xunta espera duplicar a demanda do transporte público colectivo, o que suporía incrementar a participación do transporte público do 10% na mobilidade persoal.

Estímase que deixarán de circular máis de 6.480 vehículos diarios na cidade de Vigo e no seu contorno, o que se traduce en diminuír as emisións de CO2 á atmosfera en preto de 662,20 tm ao mes (25,48 tm ao día). En definitiva, fomentarase a mobilidade cun menor uso dos vehículos privados, ou que permitirá unha maior fluidez do transporte público colectivo, así como doutros sistemas de transporte público, como o taxi, e unha maior seguridade vial para os cidadáns que deciden empregar a bicicleta e mesmo a marcha a pé para moverse pola cidade.

30 de xullo de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.