O departamento de turismo de Ferrol reparte 2.500 folletos informativos sobre a Ruta das Meninas de Canido
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, segue promocionando o variado patrimonio da cidade coa difusión de 2.500 folletos informativos sobre a Ruta das Meninas de Canido en diferentes puntos de interese turístico das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal; e chegando até os municipios de Miño e Betanzos. Estes trípticos, que se distribuíron en oficinas de turismo, salas de exposición e hoteis principalmente, conteñen información sobre o itinerario así como un código QR para acceder a un vídeo promocional.
O folleto contén unha explicación da orixe desta iniciativa impulsada polo artista local Eduardo Hermida, que decora as fachadas de vivendas situadas na parte antiga de Canido. Un total de 200 meninas reinterpretadas por artistas internacionais, integran esta proposta artística que coa súa singularidade permite poñer en valor o barrio de Canido. O itinerario destas obras descorre polas rúas Insua, Poeta Pérez Paralle, Muiño do Vento, Alonso López, Miramar, Estrela, Atocha, Riego e Gabriel Vázquez Seijas.
A Concellería de Turismo tamén está traballar na posibilidade de realizar, de cara ao vindeiro curso escolar, visitas guiadas da Ruta das Meninas de Canido dirixidas ao alumnado dos centros educativos da cidade así como establecer unha sinalización deste itinerario cultural e artístico.











