O Coruxo puxo en marcha a súa campaña de socios para a presente tempada co obxectivo de alcanzar a cifra de 1.500

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

Na súa quinta campaña na Segunda División B, O Coruxo, entidade presidida por Gustavo Falqué busca o respaldo popular, “tan necesario para un club”, segundo a reflexión que realizou o dirixente.

Os socios xa poden retirar os carnés na sede do club no campo de O Vao. Mantéñense os prezos da tempada anterior. Cen euros é o que se deben abonar na categoría sénior. A entidade viguesa ofrece prezos alcanzables noutras categorías. Os pensionistas abonarán 80 euros, o carné feminino custa 60 euros e os estudantes poden adquirilo por corenta euros.

Gustavo Falqué sinala que “é vital ter un respaldo por parte da afección. Cústanos moito traballo e esforzo o manter un equipo na Segunda División B, pero tamén una das maiores canteiras de Galicia. Gustaríanos chegar aos 1.500 socios e mesmo superar esa cifra”.

Na presente tempada, o Coruxo presentará un equipo parcialmente renovado e que ten como obxectivo prioritario a permanencia. Os socios terán o aliciente de que poderán ver pasar por O Vao a catro formacións galegas, Celta B, Racing de Ferrol, Somozas e Compostela. Ademais, tamén volverá o Oviedo e o filial do Sporting de Xixón. En Vigo tamén se poderá comprobar aos novos valores da canteira do Valladolid. A competición de liga iniciarase o 24 de agosto.

Encadrado no grupo norte da Segunda División B, o mesmo da tempada pasada, o Coruxo busca de novo o poder aumentar a súa masa social. “Os socios son unha parte moi importante dun club. Sen eles non sería posible o poder construír este proxecto deportivo do que sentimos orgullosos”, sinalou Gustavo Falqué.

O presidente considera que se pode superar a cifra de 1.500 socios, unha cantidade que constitúe o gran desafío para a entidade viguesa.

23 de xullo de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.