O Coro Cantabile e La Comparsita enchen de música o Teatro Colón
Esta fin de semana a música é a protagonista da programación do Teatro Colón. O venres 11 de xullo ás 20.30 horas o Coro Cantabile achégase á música relixiosa de Gabriel Fauré. E o sábado 12 ás 21.00 horas terá lugar a presentación de La Comparsita que estará acompañada da cantante Aixa Romay.
Co obxectivo de anticipar a compra das entradas o Teatro Colón puxo en marcha unha promoción pola que todo aquel que compre dúas entradas para o concerto de La Comparsita antes do sábado 12 recibirá un pack de Superbock Negra Sin de balde. O pack entregarase no propio teatro o día da función unha vez comprobado que as entradas se mercaron antes da data fixada.
La Comparsita nace como un novo proxecto musical para celebrar unha vella idea: a música para o baile e o baile para a música. Eduardo Baamonde (frauta e saxos), Bruno Couceiro (batería), Ismael Berdei (piano), Carlos Barral (percusión) e Ignacio Sardiña (contrabaixo) son os compoñentes desta formación que no concerto do sábado 12 estarán acompañados pola cantante Aixa Romay. O seu é un proxecto co que tratan de recuperar a calidade musical e a elegancia dos antigos salóns de baile, o seu obxectivo é bailar ao público. No concerto interpretarán temas clásicos de xéneros tan recoñecibles como os boleros, o cha-cha-cha ou o latin jazz, ritmos para deixarse levar.
Música relixiosa do século XIX
O venres 11 ás 20.30 horas o Coro Cantabile preséntanos unha selección da obra relixiosa do compositor francés do século XIX Gabriel Fauré. O concerto incluirá a misa de Requiem Op. 48, considerada a obra mestra da música relixiosa francesa, a Cantique de Jean Racine Op. 11 e outros títulos da obra coral de Fauré que de seguro farán as delicias dos amantes da boa música.
Pertencente ao movemento modernista-impresionista Gabriel Fauré é un dos máis importantes compositores do século XIX e foi un destacado pedagogo, director do Conservatorio de París. A pesar da súa condición de agnóstico, a súa anovadora produción relixiosa está chea de inspiración e misticismo. O concerto do Coro Cantabile é unha boa ocasión para achegarse á obra deste grande da música.
A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











