O Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta alíanse para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Alfonso Rueda na sinatura do protocolo de colaboración

Alfonso Rueda na sinatura do protocolo de colaboración

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para axudar a que as empresas da Zona Franca poidan participar en máis proxectos europeos e captar máis financiamento da UE.

A través deste acordo, o Consorcio Zona Franca de Vigo colaborará coa Fundación Galicia Europa, que no seu papel de defensora dos intereses galegos en Bruxelas, será a encargada de axudar ás empresas galegas a coñecer o novo marco orzamentario europeo e como lograr novas fontes de financiamento ante as institucións comunitarias.

Na liña de traballo da Fundación para favorecer a participación dos axentes galegos do sector público e privado en proxectos europeos xa existen varios exemplos, como a colaboración que mantén desde o ano pasado coa Fegamp para coñecer novos programas de financiamento comunitario para o actual período orzamentario da UE.

Agora estendese este apoio ás empresas instaladas na rede de parques do Consorcio da Zona Franca, para que coñezan de primeira man o novo marco de financiamento e poidan desenvolver propostas que poidan competir con garantías en termos de excelencia, innovación e competitividade.

Segundo se recolle no texto, ambas entidades promoverán a realización e difusión de publicacións, cursos, seminarios, xornadas, estadías de formación e visitas de estudo a Bruxelas e asesoramento en asuntos europeos que contribúan tanto ao coñecemento das políticas e os programas da UE como á participación en proxectos europeos por parte das empresas.

As actuacións conxuntas mais inmediatas no marco deste protocolo serán a publicación dunha Guía sobre financiamento comunitario, así como a celebración nas instalacións da Zona Franca dunha xornada sobre as principais novidades das perspectivas financeiras da UE no período 14-20 de maior interese para o sector empresarial galego.

30 de xullo de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.