O Consello Galego da Competencia expón en Xenebra as accións desenvolvidas no sector da venda de carburantes en Galicia
O presidente do Consello Galego da Competencia (CGC), Francisco Hernández, expuxo hoxe na cidade suíza de Xenebra as accións desenvolvidas para mellorar a competencia no sector da distribución retallista de combustible, no marco dunha reunión da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), un organismo dependente da ONU.
En concreto, Francisco Hernández participou nunha reunión do grupo intergubernamental de expertos en dereito e política de competencia, no que están presentes expertos e representantes de órganos de competencia de todo o mundo.
Na súa intervención, o presidente do CGC explicou que o organismo galego de competencia presentou recentemente un informe sobre o mercado dos carburantes de automoción en Galicia, no que se analiza a situación do sector e se propoñen unha serie de medidas para elevar a competencia.
Neste sentido, a Xunta de Galicia puxo en marcha actuacións concretas que seguen as recomendacións efectuadas polo Consello Galego da Competencia. Estas actuacións buscan aumentar a competencia e reducir os prezos de venda, posto que –tal como reflicte o informe- Galicia é a comunidade peninsular co prezo medio máis alto do litro de gasóleo.
Un dos temas de debate na reunión foi precisamente o dos beneficios da política de competencia para os consumidores. Francisco Hernández puxo como exemplo disto as accións destinadas a elevar a competencia no sector das estacións de servizo e a reducir a súa concentración, xa que isto debe redundar en beneficio de todos os consumidores galegos.











