O Concello de Mos concede máis de 12.000 euros en axudas a agrupacións sociais e deportivas
A Deputación de Pontevedra reparte en Mos preto de 12.500 euros en axudas sociais e deportivas. Os beneficiarios son asociacións e clubes deportivos mosenses que, gracias a estas subvencións, poderán acometer melloras e impulsar o deporte base.
A deputada provincial Marta Iglesias achegouse esta mañá ata o Concello de Mos para facer entrega das resolucións de concesión de sendas axudas á Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, e ó centro das Escravas da Virxe Dolorosa. Iglesias estivo acompañada durante a entrega pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e, como non podía ser doutro xeito, dos representantes de ambas entidades beneficiarias, Asodifisi e Escravas da Virxe Dolorosa.
Estas dúas axudas da administración provincial son subvencións directas por inversión, que suman entre ambas 7.000 euros, e que van dirixidas, no caso de Asodifisi a acondicionamento das súas instalacións na parroquia de Torroso; e no caso das Escravas da Virxe Dolorosa a adquisición de material tecnolóxico para dotar ó centro de Petelos.
Axudas ó deporte base
Por outra banda atópanse as axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra a sete entidades deportivas mosenses co obxectivo de apoiar e impulsar o deporte federado base. Entre estas sete subvencións suman un total de 5.386 euros que a Deputación destina ó deporte mosense.
As agrupacións deportivas que recibirán estas axudas provinciais son o Club Deportivo Escravas da Virxe Dolorosa, Club Louro Tameiga (fútbol), Unión Deportiva Mos (fútbol), Club Natación Mos, Club Deportivo Louredo Mos (fútbol), Club Natación Master Mos, Club Santa Mariña (petanca).
Sobre esta serie de subvencións concedidas pola Deputación a entidades mosenses tanto sociais como deportivas a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declaraba hoxe sentirse “inmensamente agradecida polo apoio provincial ó tecido asociativo do municipio de Mos e sobre todo en dous ámbitos tan importantes como son o social e o deporte”.
“O fomento das prácticas deportivas e os hábitos de vida saudables así como o desenvolvemento social das persoas máis desfavorecidas a causa de discapacidades físicas ou psíquicas son imprescindibles na sociedade actual e, en Mos, enorgullecémonos de poder levalas a cabo coa axuda doutras administracións como é, neste caso, a Deputación de Pontevedra”; concluiu Arévalo.











