O concello do Carballiño restaura a imaxe do Munten

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+
Traballos de restauración do Munten

Traballos de restauración do Munten

O concello do Carballiño procedeu este martes á restauración do monumento que o artista Xesús Carballiño fixo á emigración, o Munten, que está situado na carballiñesa praza do Emigrante. Durante a xornada deste pasado martes procedeuse, baixo a supervisión do propio artista, á limpeza de toda a superficie do monumento con chorros de area, co que se limpou a superficie de cobre, para posteriormente proceder a exercer sobre esta obra un proceso de oxidación uniforme, que lle devolverá o brillo que tiña na súa orixe, e ao mesmo tempo, protexerá toda a obra.

Desde que fose inaugurado o monumento á emigración non recibira ningún tratamento de mantemento, polo que os actuais responsables municipais contactaron co artista para que fose el quen guiase á hora de recuperar esta obra, para o goce de todos os veciños e visitantes á vila do Arenteiro.

Unha vez finalizado este traballo de restauración procederase á reparación do vaso que rodea á imaxe artística, selándoo completamente e cambiando o actual gresite por poliéster, coloreado en tons acordes coa propia obra de Carballido.

Con este traballo complétase o proxecto de embelecemento desta praza do Emigrante, que comezou coa instalación da pérgola próxima ao Munten, a recuperación das pirámides onde se crearon bancos para sentar e espazo axardinados, así como a reposición e mellora das beirarrúas e empedrado de toda a zona.

29 de xullo de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.