O Concello de Vilagarcía pon a disposición da Consellería un local municipal para ampliar a lonxa de Carril
O Concello de Vilagarcía pon á disposición da Consellería de Mar un local de titularidade municipal situado na lonxa de Carril co obxecto de facilitar a ampliación da sala de subastas. O alcalde, Tomás Fole, mantivo un encontro coa conselleira e responsables da Consellería no que lle confirmaron que as obras de ampliación da lonxa comezarán este mesmo ano e suporán un investimento de un millón douscentos mil euros.
Na conversa mantida hai uns días co alcalde participaron, ademais da conselleira, Rosa Quintana, o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Carballo.
Os responsables autonómicos comunicaron ao rexedor que xa estaba rematado o proxecto de ampliación da lonxa carrilexa e anunciaron que, unha vez licitadas e concluído o proceso de adxudicación, a intención era iniciar as obras a finais deste mesmo ano para que o sector do mar de carril puidera estrealas novas instalacións a mediados de 2015. O investimento que se vai a destinar a esta obra ascende a 1,2 millóns de euros para cuxo financiamento a Consellería contará con fondos europeos.
Os responsables de Concello e de Mar xa trataran hai meses a posibilidade de dispoñer do local municipal para ampliar a superficie da lonxa e o alcalde xa lle manifestara a súa conformidade, dado que na actualidade as dependencias non eran utilizadas polo Concello. Dadas as circunstancias, o goberno local decidiu colaborar co proxecto demandado polo sector, considerando que o máis adecuado é que esta superficie se destine preferentemente á actividade produtiva e comercial do marisqueo, independentemente de que no futuro, chegado o caso de necesitar un habitáculo para uso municipal, se poida buscar unha alternativa.
O alcalde congratulouse pola nova xa que con esta obra a Consellería atende unha reivindicación dos distintos colectivos do mar de Carril e tamén se resolve a necesidade de espazo que presenta a actual sala de subastas, que se quedou pequena para dar cabida con comodidade a actividade comercial que xera o sector marisqueiro de Carril. Fole confía en que a obra conte coa aceptación do sector, xa que, sen dúbida, a ampliación e modernización das instalacións suporá un beneficio para a súa actividade e, en consecuencia, para dinamizar a economía local.











