O Concello de Vilagarcía instalará unha caldeira de biomasa na Escola de Música
O Concello de Vilagarcía executará nos vindeiros meses dúas medidas máis de aforro e eficiencia enerxética. Trátase da instalación dunha caldeira de biomasa na Escola Municipal de Música e da substitución de todo o alumeado público da Avenida Rosalía de Castro e rúas perpendiculares por lámpadas leed. Ámbalas dúas iniciativas contan con axudas con cargo a fondos autonómicos e europeos ás que a administración local terá que sumar uns 13.000 euros.
Con estas dúas novas medidas o Concello segue implantando actuacións tendentes a reducir custes no subministro eléctrico e que comezaron coa elaboración dunha auditoría enerxética nas instalacións e servizos municipais e coa posterior revisións de contratos coas empresas subministradoras para axustar as potencias de consumo e modificar as tarifas para beneficiarse dos prezos reducidos.
A instalación dunha caldeira de calefacción alimentada a biomasa na Escola de Música está presupostada en 16.568 euros dos que 12.900 corresponden a unha subvención concedida por Agader que dispón de fondos europeos. O Concello deberá abonar a parte restante, uns 4.000 euros.
O uso do “Pellest” como combustible permitirá reducir o actual custe á metade
Esta caldeira substituirá á de gasóleo coa que se quentaban as dependencias do edificio do Rama. A nova maquinaria funcionará con pellest (virutas de madeira prensadas), un combustible moito máis barato que o gasóleo e co que se pretende reducir os gastos á metade.
Está é a primeira caldeira de biocombustible que instala o Concello, neste caso de biomasa, polo que funcionará a modo de experiencia piloto para comprobar a súa eficacia e o aforro que supón en gasto de combustible. Si o resultado é o esperado, continuaríanse apostando por este tipo de sistemas máis baratos e ecolóxicos.
A nova caldeira deberá estar instalada antes do inicio do curso.
A segunda medida de aforro e eficiencia enerxética que levará a cabo o Concello nos vindeiros meses será a substitución das luminarias públicas da Avenida Rosalía de Castro e rúas perpendiculares. As lámpadas actuais de vapor de sodio de alta presión, cambiaranse por outras de leeds de nova xeración que consumen moita menos electricidade. A actuación comprende toda a avenida, dende o Ramal ata a rotonda de Carril, así como as rúas e calexas perpendiculares que desembocan nela (Rúa A Concha, as que dan acceso á praia e ao paseo marítimo, a do instituto de Carril….). Será un total de 106 puntos de luz a renovar.
Proxecto conxunto no que participan 9 municipios da zona
Para buscar financiamento para esta actuación, o Concello de Vilagarcía subscribiu un convenio de colaboración don outros 8 municipios da zona (Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Meis, Poio, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo) para presentar un proxecto común co que acceder á liña de axudas convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia para que os concellos poidan renovar a iluminación pública exterior dos seus municipios con criterios de aforro e eficiencia enerxética. O proxecto conxunto ten un custe superior ao medio millón de euros (538.575,13) dos cales serán subvencionados 457.788,86. Cada Concello deberá aportar 9.000 euros para a obra a desenvolver no seu territorio e tamén será cada administración local quen contrate as súas obras.
A actuación terá que estar rematada a finais de outubro.











