O Concello de Vilagarcía adxudica a Culinaria o servizo de catering para rapaces de familias con poucos recursos
A Xunta de Goberno Local decidiu hoxe, a proposta da Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Elena Suárez, adxudicar a émpresa Culinaria o servizo de comidas a domicilio para os rapaces que pertencen a familias con poucos recursos. O prezo adxudicado é de 4,24€ por menú. En principio prevése que os beneficiarios serán vinte, aínda que ese número poderá ser ampliado en función da demanda e das avaliacións que fagan os servizos sociais.
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o día 12, de xeito que, unha vez analizadas, o servizo comezaría a funcionar de xeito efectivo o día 18. Permanecerá en activo ata finais de agosto. Os beneficiarios recibirán os seus menús dúas veces á semana, en recipientes termoselados.
O menú consiste nun primeiro prato, un segundo e sobremesa. Coa finalidade de garantir a boa cobertura do servizo, a empresa tamén ofrece a posibilidade de ceder os electrodomésticos necesarios para a rexeneración dos menús no caso que se precise. Ademais, Culinaria dispón dun equipo de nutricionistas e dietistas para o deseño ou elaboración de dietas adaptadas ás necesidades específicas ou particulares dos nenos beneficiarios do servizo.
A empresa encargada do cátering é a mesma que durante o ano xestiona os comedores escolares de Carril, Vilaxoán e Rubiáns. Dende o goberno local, e fronte as queixas e dúbidas expresadas por determinados membros dalgunhas Anpas, lémbrase que a longo do curso non houbo nin unha soa queixa polo servizo (cada día é avaliado polo propio colexio, nunha ficha creada ao efecto), e que en total son máis de catrocentos os menús que serven cada día.
Por outra banda, paralelamente á posta en marcha deste servizo, e coa intención de garantir unha correcta alimentación no seo das familias con máis dificultades, o goberno local tamén decidiu ampliar os vales de compra de alimentos, que durante o verán se verán incrementados nun 60%. Así, as familias de dous membros que ata recibían 60€, recibirán a partir de agora 80. Os de tres membros pasan de 75 a 125; os de catro, de 100 a 160€; e os de cinco ou máis, de 125 a 200€.











