O Concello de Verín celebrará por vez primeira o Día do Avó e da Avoa
O Concello de Verín, a través do departamento de Servizos Sociais (Área de Maiores), Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e a Biblioteca Pública Municipal de Verín promoven, con motivo do “Día do Avó e da Avoa”, unha serie de actividades lúdico-educativas durante o día 23 de xullo.
Aínda que o propio día desta actividade é o 26 de xullo, coincidindo coa festividade de San Xoaquín e Santa Ana, en Verín adiantase a mesma ao día 23 de xullo, co obxecto de homenaxear aos avós e avoas, alicerce fundamental na institución familiar e recoñecer publicamente a importante labor social que realizan.
Para celebrar esta xornada e co fin de fomentar a convivencia interxeneracional, o Concello de Verín promoverá por primeira vez esta conmemoración para a que organizará as seguintes actividades: contacontos, manualidades, xogos populares e entrega de agasallos aos avós/as por parte dos seus/súas netos/as. As mesmas desenvolveranse, durante o horario de mañá, na Ludoteca de Verán – Campamento urbano de Verín (Módulos do CEIP Amaro Refoxo).











