O Concello de San Sadurniño estuda o traslado dos mercados aos xardíns municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

120 expositores participaron finalmente este domingo na segunda edición do verán do Mercado local xusto. Foi nunha mañá de verán das de verdade na que a afluencia de visitantes se diluiu nun espazo maior do habitual. E é que as obras no contorno do Rosario levaron ao Concello a dispoñer parte da artesanía ao longo da avenida Marqués de Figueroa. Iso, o feito de ser día de praia e as festas en moitos lugares da volta fixeron que o mercado se desenvolvese sen as aglomeracións puntuais doutras veces. Malia todo, o Mercado local xusto vaise consolidando e agora o Concello estuda un emprazamento máis axeitado para el. A posibilidade principal será levalo para os xardíns municipais.

As vantaxes do cambio serían varias. Hai espazo dabondo para o número de postos actual e incluso para que poida medrar un pouco máis. O lugar está cheo de sendeiros que permitirían dispoñer os postos de forma que se garantise que o público puidese percorrelos todos sen ter que andar dando voltas sen xeito. Outro factor importante é que o contorno en si préstase tanto para o mercado como para outros eventos que se queiran celebrar ao aire libre.

De momento non hai data posta para o traslado do Mercado local xusto. Antes aínda se deben facer algunhas melloras nos xardíns que permitan acollelo. A primeira delas será o reacondicionamento dos camiños interiores cun material que se integre perfectamente na zona e que teña unha maior durabilidade que a area actual. A segunda modificación que cumprirá facer será a ampliación da entrada sur, á que se lle dará algo máis de largura para permitir a entrada e saída con comodidade de furgóns e pequenos vehículos de transporte.

Son dúas obras que malia non ter data concreta de inicio están xa escritas na axenda dos proxectos municipais inmediatos. Hai que ter en conta que a zona é o lugar de paseo para moitos veciños e veciñas, pero tamén o recinto no que recentemente ten habido vodas e actos públicos. Deste xeito o Concello quere poñer en valor os xardíns como espazo para a cidadanía no que poidan desenvolverse actividades lúdicas e culturais.

Continúa aberto o prazo de inscrición na Feira Rural

O Concello de San Sadurniño ultima os preparativos da Feira Rural deste ano, que se celebrará na zona da Cortiña o sábado 30 de agosto. A feira desenvolverase durante todo día con mostras de produtos da terra, concursos, música, artesanía e outras actividades paralelas. O evento pretende ser unha chamada de atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo.

Calquera persoa que estea interesada en comercializar os seus produtos na VI Feira Rural debe inscribirse previamente. Hai varias maneiras: presentando a folla dispoñible na web municipal debidamente cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal nº 16 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais de nos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.

28 de xullo de 2014 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.