O Concello de Oroso recompilará e enviará toda a documentación de Aquagest solicitada polo Xulgado
O Concello de Oroso recompilará e enviará toda a documentación solicitada polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo dentro da súa investigación sobre a empresa Aquagest. Así o confirma o alcalde orosán, Manuel Mirás Franqueira, quen amosa a súa total tranquilidade co procedemento iniciado xa que “a investigación aberta é sobre a empresa Aquagest, non sobre o Concello de Oroso, onde todas as adxudicacións se fan seguindo sempre procedementos legais e transparentes. O Xulgado tan só nos pedíu unha documentación que enviaremos de contado xa que contan coa nosa total e absoluta colaboración”.
Os servizos municipais de Oroso iniciaron esta mañá a recompilación de toda a documentación requerida na providencia remitida polos xulgado o pasado 9 de xullo, entre a que figuran o contrato de subministro de auga potable e saneamento adxudicado en 2002 a Aquagest e outros contratos adxudicados a esta empresa. “En materia de contratación, o Concello de Oroso aplica rigorosamente a Lei de Contratos do Estado e no caso dos contratos establecidos con Aquagest sempre se realizaron despois do correspondente procedemento aberto e de libre concorrencia de ofertas”, apunta Mirás Franqueira.
De feito, dase a circunstancia de que o contrato concreto que solicita o Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, sobre subministro de auga e alcantarillado, conta cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que corrobora a correcta actuación do Concello de Oroso. Despois dun procedemento aberto e de libre concorrencia ao que se presentaron dúas empresas, a firma non adxudicataria presentou un recurso contencioso que foi resolto en xuño de 2006 pola Sala do Contencioso Administrativo Sección 002 da Coruña do TSXG no que falla que “desestimando las pretensiones deducidas en el presente recurso contencioso-administrativo, debemos declarar y declaramos la conformidad a Derecho de los actos administrativos recurridos que, por tanto, debemos confirmar”.
Por último, Manuel Mirás fai un chamamento á tranquilidade dos veciños e veciñas de Oroso. “Sei que cando se fala de xuíces moita xente se pon nerviosa e estou seguro de que haberá quen trate de terxiversar todo para tratar de usalo como arma política, pero no caso do Concello de Oroso poden estar máis que tranquilos. O de hoxe non é máis ca unha petición de documentación para unha investigación que se está facendo sobre unha empresa. En ningún caso é unha investigación nin sobre o Concello de Oroso nin sobre ningún dos seus responsables políticos, técnicos ou funcionariales”, explica o alcalde orosán.











