O Concello de Mos percibe 161.241 euros para as obras no campo de fútbol de Louro e melloras viarias en Tameiga e Pereiras
A Deputación de Pontevedra aprobou na súa última Xunta de Goberno a concesión de subvencións ó Concello de Mos por un importe total de 161.241 € para construír un edificio auxiliar e adecuar os vestiarios no campo de fútbol de Louro-Tameiga, así como para levar a cabo varias melloras en vías públicas das parroquias de Tameiga e Pereiras.
A primeira das obras contará cunha axuda de 83.744 €. Con esta, nunha parcela de 9.096 m2, no contorno das instalacións do Club Louro, da urbanización San Eleuterio e da gardaría da Xunta, adaptaranse as instalacións deportivas do campo de fútbol de Louro-Tameiga e os vestiarios, e construirase un edificio auxiliar para oficina e cantina de 53,5 m2.
Para mellorar as vías de Tameiga e Pereiras a Deputación concedeu 77.497 €. Pavimentarase unha vía de 1,5 quilómetros, cun ancho de 5 m, entre a capela de San Eleuterio e o núcleo de Candosa, atravesando os núcleos de Laxe, Pedraucha e Ansar. Esta estrada une as parroquias de Tameiga e Pereiras, e o traballo previsto ten un prazo de execución de tres meses.











