O Concello de Ferrol asina un convenio con Almat para mellorar a atención ás mulleres vitimas de violencia de xénero
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a secretaria da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (Almat), María del Carmen López Díaz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para garantir a continuidade do programa de servizo de atención 24 horas á problemática dos malos tratos e da violencia contra as mulleres. No acto de sinatura, que se celebrou no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, tamén estivo presente a concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade encomiou o traballo de loita contra os malos tratos que realiza a asociación dende hai anos. O rexedor municipal explicou que a sinatura deste convenio permite a colaboración de Almat e os servizos municipais de atención á muller como o Centro de Información á Muller (CIM), coa finalidade de “chegar a maior número de persoas e coa máxima axilidade para unha resposta permanente”, dixo. Así mesmo, Jose Manuel Rey destacou o traballo das entidades sociais da cidade que “complementa os servizos municipais con profesionais e voluntarios para entre todos sumar esforzos e ser capaces de traballar na boa dirección contra problemáticas como a dos malos tratos”.
Por último, o rexedor ferrolán tamén manifestou a súa satisfacción polo incremento do convenio de cooperación con Almat, pasando dos 5.000 euros de axuda o pasado ano aos 6.500 euros neste exercicio. “O que demostra que o noso compromiso coas políticas sociais vai máis alá das palabras, aportando recursos económicos ás entidades sociais e que promoven a igualdade de oportunidades para que poidan axudar, concienciar e asesorar ás persoas que o necesitan”. Neste senso, Jose Manuel Rey avanzou que a axuda económica para o vindeiro exercicio que o Goberno Municipal destinará a Almat tamén se verá incrementada.
Pola súa parte, a secretaria de Almat, agradeceu ao alcalde e á titular de Igualdade a maior colaboración do Concello de Ferrol, facendo fincapé no incremento da contía económica do convenio, “que permite que o programa de atención ás mulleres vítimas de violencia se vexa notablemente beneficiado”. A responsable de Almat explicou que ao redor de 75 mulleres, con idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos, son usuarias dos programas de Almat.











