O Concello de Cervo recibe o emisario submarino que permitirá a posta en marcha da EDAR e o saneamento de San Ciprián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, concelleiros do goberno local, técnicos de Augas de Galicia e da empresa construtora participaron hoxe no acto de recepción do emisario submarino de San Ciprián. Unha infraestrutura na que a Xunta investiu 1,8 millóns de euros e que vén a completar o saneamento da vila.

Un emisario necesario para extremar todas as precaucións e garantir ao 100% a calidade da auga, especialmente tendo en conta que se trata dunha zona sensible, con empresas de acuicultura instauradas. Desta forma, o emisario submarino o que fai é afastar a auga depurada lonxe da primeira liña de costa e da zona de captación das piscifactorías.

En concreto, este emisario consiste nun conduto de 315 mm de diámetro en polietileno que transporta as augas depuradas dende a EDAR de San Ciprián, no polígono industrial de Cuíña, a 700 metros do litoral, composto por un primeiro tramo terrestre e dous submarinos e que remata nun difusor.

Un saneamento completo

A recepción do emisario permitirá a posta en marcha da depuradora e da rede de saneamento de San Ciprián. Aínda así, a entrada en funcionamento do servizo tivo moitos impedimentos “pola decisión do bipartito de Touriño de cancelar o proxecto de saneamento completo da Xunta do PP para contratar un incompleto”, explica o rexedor.

No 2005 a Xunta tiña contratado un proxecto de saneamento completo por importe de 6,3 millóns de euros, con 20 anos de mantemento incluído. Pero co cambio de goberno o bipartito cancelou ese contrato, compensando á empresa adxudicataria con 200.000 euros. “O bipartito pagou á empresa para que os veciños de San Ciprián non tivesen saneamento”, lembra Villares.

Tempo despois a Xunta, en mans de PSOE-BNG, contratou outro proxecto, incompleto, sen mantemento e sen emisario submarino. Polo tanto, a rede de saneamento de Touriño “estaba coxa” a falta dun emisario. Foi a Xunta de Feijóo a que contratou a construción desta obra e, desta forma, veu a completar a rede de saneamento que o bipartito deixara a medias.

“Lamentamos profundamente a falta de interese do bipartito, que impediu a posta en marcha do saneamento en San Ciprián, e coa complicidade dos representantes de PSOE e BNG de Cervo,” asegura Villares. Da mesma maneira o primeiro edil agradece ao actual goberno da Xunta “a súa sensibilidade cun servizo fundamental coma este e o seu apoio financiando unha obra tan cuantiosa como o emisario submarino”.

22 de xullo de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.