O Concello de Cedeira completa as obras de humanización instalando novo mobiliario urbano no centro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira vén de incorporar novo mobiliario urbano no centro urbano. Unha actuación coa que completa as obras de humanización en diferentes prazas e avenidas da vila. Intervencións que, no seu conxunto, permitiron reforzar o carácter peatonal do centro urbano de Cedeira, gañando terreo ao vehículo para darllo ao peatón. Con esa filosofía, ensancháronse beirarrúas, reducindo a zona de paso dos vehículos e reubicando nalgúns casos a zona de aparcamento. Incorporáronse novas especies arbóreas e renovouse o pavimento.

Así mesmo, leváronse a cabo traballos de separación de pluviais na zona centro. Obras que se desenvolveron na Praza do Peixe, Praza de Galicia, Avenida de Rosalía, Avenida da Marina e a Arriba da Ponte. Esta semana, o Concello incorporaba bancos modelo Bretaña, realizados en madeira e forxa e papeleiras. Así mesmo, ubicáronse algúnhas xardineiras a modo de elementos inductores de baixa velocidade. Nesta liña, o alcalde, Luis Rubido, avanzou a intención do Concello de avanzar na implantación da Zona 30 no casco urbano da vila. E, para iso, este ano destinaráse unha partida duns 10.000 euros, que permitirá a instalación de sinalización, indicadores luminosos nocturnos e elementos reductores da velocidade.

11 de xullo de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.