O Concello de Cangas urbanizará a rúa Noria
Concello de Cangas aprobou en Xunta de Goberno Local solicitar unha achega económica á Deputación Provincial de Pontevedra ao amparo das bases reguladoras do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais 2014 para levar a cabo o proxecto de urbanización da rúa Noria. Esta actuación suporá un investimento de 145.307,99 € euros financiados pola Deputación de Pontevedra.
O proxecto, que segundo o goberno local permitirá mellorar tanto o acceso rodado como o peonil afectará a unha superficie aproximada de 1.872 m2. O obxectivo será a urbanización de toda a rúa así como a mellora do entorno, redimensionar as instalacións de abastecemento dos servizos municipais e das privadas (gas, electricidade, telefonía, etc…), ademais de resolver os problemas de encharcamento do vial a causa da acumulación das augas pluviais para o que se instalarán desaugues coas caídas pertinentes e se homoxeneizarán as beirarrúas dándolle continuidade e igualdade ás do resto da mazá, utilizando materiais similares, alturas e anchos, e cumprindo as normas urbanísiticas existentes en materia de accesibilidade. A vía será de sentido único como ata o de agora que desembocará na avda. de Ourense en dúas direccións. Esta iniciativa conta cun prazo de execución dos traballos de aproximadamente 120 días.
Os traballos permitirán levantar o bordillo e os adoquíns existentes, escarificar o firme coa correspondente limpeza e transporte dos residuos retirados, a canalización das redes municipais, realce de tapas, asfaltado en quente, instalación de novos farois, papeleiras, sinalización vertical e horizontal para o tráfico rodado.
O goberno local trata con esta iniciativa “humanizar esta rúa, mellorala e ganala para o uso dos cidadáns de a pé, xa que a súa proximidade co Concello, Alameda Nova a converten nun lugar moi transitado”.











