O Concello da Laracha inicia o campo de traballo internacional na conca do río Bradoso
O Concello da Laracha estrearase este verán na organización de campos de traballo internacionais que se porán en marcha coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Trátase de iniciativas dirixidas a mozos voluntarios de todo o mundo que durante a súa estancia no noso termo municipal realizarán labores relacionadas coa posta en valor do entorno medioambiental e a riqueza etnográfico-patrimonial das concas dos ríos Acheiro e Bradoso.
O primeiro deses campos de traballo terá como punto de referencia a conca do Bradoso, que discorre pola parroquia de Montemaior. A labor que se encomendará aos participantes será a limpeza, acondicionamento do entorno do río e a sinalización dun roteiro para realizar a pé nunha lonxitude aproximada de un quilómetro, ao longo do cal existen numerosos muíños de auga que hoxe se atopan en desuso, pero que contan cunha notable importancia histórica. Todo o proceso será documentado con información e material audiovisual.
As vinte prazas convocadas para mozos de dezaoito a trinta anos de idade foron cubertas por completo. Entre os voluntarios que participarán nesta iniciativa en torno ao río Bradoso hai persoas procedentes de diversos puntos de Galicia, doutras zonas de España (Sevilla, Córdoba, Zaragoza e Tenerife) e do estranxeiro (Francia, Italia, Grecia, Turquía e México). Todos eles están citados para presentarse na Casa do Concello o martes da próxima semana a partir das 17.00 horas, aínda que nalgúns casos, e debido ás conexións aéreas, está previsto que cheguen á Laracha na xornada do mércores. O programa ten unha duración de quince días, finalizando o 29 de xullo.
O traballo específico na conca do río realizarase polas mañás. Durante as tardes, os participantes no campo de traballo realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, así como a súa historia e tradición. No programa a desenvolver durante os quince días están previstas visitas ao museo do Arquivo da Pesca de Caión, ao centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte de Golmar –incluíndo a realización a pé da ruta dos muíños-, ao centro ecuestre O Ventoso de Erboedo, á área recreativa de Gabenlle e á feira de Paiosaco. Os voluntarios tamén estarán nas celebracións populares que se desenvolvan no Concello da Laracha durante a súa estancia, tales como as Festas do Corpus de Caión (sábado 19) e a Romaría de Santa Margarida de Montemaior (domingo 20). Ademais, haberá saídas a outros municipios da Costa da Morte e ás cidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Durante a súa estancia no termo municipal da Laracha aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida, isto é, no antigo hospital dos peregrinos de Montemaior que recentemente foi restaurado e que o Concello xa equipou por completo para acoller aos voluntarios participantes.
Neste verán o Concello da Laracha será o único municipio galego que acolla dous campos de traballo internacionais. Ademais do previsto no Bradoso, realizarase outro de similares características no río Acheiro entre o 1 e o 15 de agosto.











