O Concello da Laracha e a Asociación Recreativa Club Náutico de Caión asinan un convenio de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Asociación Recreativa Club Náutico de Caión, Miguel Eliseo Iglesias, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas entidades que posibilitará o desenvolvemento de actividades náuticas na vila de Caión durante o verán.

Tal e como establece o acordo, o Concello da Laracha cederá á citada asociación o uso de, entre outro material náutico, unha embarcación con motor, catamarán, kayaks de mar, táboas de windsurf e equipos de submarinismo, así como o uso do local municipal existente na zona portuaria a modo de almacén.

Pola súa parte, a Asociación Recreativa Club Náutico de Caión comprométese a programar actividades náuticas na vila durante os meses de xullo, agosto e setembro, sendo por convenio algunhas delas gratuítas e dirixidas en exclusiva ao público infantil larachés.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción polo xurdimento dunha nova entidade como a Asociación Recreativa Club Náutico de Caión, que coa súa actividade reforzará a oferta turística na localidade costeira ao longo do verán e desenvolverá, coa colaboración municipal, programas gratuítos en beneficio da poboación do Concello da Laracha en xeral.

9 de xullo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.