O Concello da Coruña inviste 300.000 euros na mellora do campo de fútbol municipal da Grela I
O Concello da Coruña, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, adxudicou o proxecto de reforma do campo de fútbol municipal da Grela I –na rúa Galileo Galilei-. As obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses e que contan cun investimento de 369.995,26 euros, consisten na substitución da herba natural por un novo pavimento de céspede sintético.
Na actualidade, o Campo de Fútbol da Grela I conta cun terreo de xogo de herba natural, gradería e edificio de vestiarios. O proxecto que se acaba de adxudicar á empresa Estudo Naves Arquitectura centrarase no pavimento deportivo, saldando así unha demanda veciñal. Proponse un céspede artificial de última xeración e de alta resistencia para a práctica de fútbol 7 e 11. Ademais, executaranse novas redes de servizo de rega e drenaxe e completarase a actuación mediante a instalación de equipamento deportivo: 4 portarías de fútbol 11, 4 portarías de fútbol 7, rede de separación de campo fútbol 7, dous bancos de xogadores -con capacidade para 8 persoas- e banderines de córner flexibles.
Este proxecto súmase ao de mellora dos vestiarios, que conta cun investimento de 139.997 euros e que inclúe catro vestiarios coa súa correspondente zona de duchas e aseos, un vestiario destinado aos árbitros -con ducha e aseo-, zona de aseo masculino e feminino para uso público, sala de caldeiras, zonas comúns e dous almacéns para gardar produtos de limpeza, de equipamento deportivo e para o mantemento do campo. O obxectivo do proxecto é dispor de instalacións deportivas máis funcionais, para un uso polivalente e que faciliten a participación dun maior número de usuarios no campo de fútbol da Grela I.











