O Concello da Coruña investirá 5 millóns de euros na zona de San Pedro de Visma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os concelleiros Martín Fernández Prado, Mariel Padín e Francisco Mourelo mantiveron unha reunión con membros da Asociación de Veciños Loureiro – San Pedro de Visma co obxectivo de presentarlles as próximas actuacións que se desenvolverán neste barrio e que suporán un investimento de ao redor de 5 millóns de euros.

En concreto, informouse os veciños da actuación relativa ao parque de San Pedro de Visma, bautizado como Parque de Adolfo Suárez, que xa está en licitación, así como do acceso norte aos campos de fútbol que albergará este espazo. Estes proxectos supoñen a creación dun gran parque municipal na contorna do barrio, onde se situarán dous campos de fútbol que construirá a Federación Galega de Fútbol, e a dotación dos accesos necesarios a estas novas instalacións co obxectivo de ordenar a mobilidade, interferindo o menos posible na circulación interior do barrio. En total serán 100.000 metros cadrados, dos que 70.000 corresponden á urbanización do parque.

Por outra banda, está previsto licitar, proximamente, o viario entre a rolda de Outeiro e a rúa Loureiro e a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río. Esta actuación suporá a renovación total dos seus pavimentos, humanizando esta importante vía de comunicación interior, así como a renovación dos servizos urbanos, entre os que destaca a nova rede de recollida de pluviais.

Con estas actuacións, o Goberno local volve mostrar o seu compromiso con todos os barrios para dotalos de espazos públicos para o goce dos veciños, así como a súa aposta por reforzar o mantemento das vías e infraestruturas da Coruña para o seu uso por parte dos cidadáns.

13 de xullo de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.