O Concello da Coruña inicia a remodelación da área infantil de Puga e Parga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa o inicio, mañá luns 21 de xullo, das obras de remodelación da área infantil do xardín Puga e Parga, unha praza de 2.200 metros cadrados situada entre as rúas Alexandre Bóveda, Alcalde Puga e Parga, Cabaleiros e Marqués de Amboage.

O Goberno local inviste na obra 373.260 euros, o que supón un aforro de 46.727 euros -unha rebaixa do 11%- con respecto ao orzamento de licitación. O novo proxecto, cuxa execución será de tres meses e medio, busca unha mellora integral deste espazo. Así, recolocaranse os percorridos peonís para atender as necesidades actuais, creando un único itinerario adaptado, pavimentado en formigón antiescorregadizo e con dous accesos.

A praza divídese en dúas grandes zonas: por unha banda, unha dedicada a aparcadoiro e aseos; e outra onde se dispón de xogos infantís e lugares de descanso. Neste último caso, a área dedicada ao goce dos máis pequenos duplícase, pasando de 226 a 522 metros cadrados. Haberá un espazo de 100 metros cadrados dedicado a nenos de 1 a 5 anos con elementos que lles axuden a dar os primeiros pasos e a desenvolver tanto o seu equilibrio como as súas capacidades motoras. Outra zona, intermedia, destinarase a nenos de máis de 3 anos con xogos de abalo, equilibrio e rotación en grupo. Haberá un terceiro espazo para nenos de 6 a 12 anos cun circuíto de actividade múltiple no que se traballarán as capacidades sociais, creativas, físicas, o equilibrio, a axilidade, a forza e a concentración.

O novo proxecto tamén recolle a revitalización dos espazos verdes, coa protección dos exemplares existentes de máis valor e a plantación de novas especies. A mellora inclúe ademais a instalación dun equipo de rega programable e o achegue de terra. A zona verde mantense na súa posición perimetral para servir de pantalla acústica e visual natural, conseguindo un espazo protexido do tráfico rodado. Complétase o proxecto coa colocación de tres báculos de oito metros de altura -con tres ou catro proxectores- que iluminarán as áreas de xogo e descanso, a instalación de rede de drenaxe e pluviais e de papeleiras e unha fonte de beber.

20 de xullo de 2014 | 16:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.