O Concello da Coruña aprobará un investimento dun millón de euros para mellorar a calidade de vida
O Concello da Coruña aprobará de maneira definitiva no pleno do próximo luns, 21 de xullo, un modificativo de crédito que permitirá mellorar a calidade de vida dos coruñeses, con novo investimento en políticas de emprego e servizos sociais, no fomento do deporte base e en dinamización cidadá.
O modificativo de crédito, aprobado de maneira inicial en xuño e posto a exposición pública, alcanza os 5,1 millóns de euros. A Concellaría de Servizos Sociais, que conta co orzamento máis importante da historia desta cidade, con 15,57 millóns de euros, disporá agora doutros 388.750 euros grazas a este modificativo, onde destacan as seguintes partidas:
– 169.000 euros para convenios con 15 entidades da cidade. Con este investimento, o Goberno municipal dedica este ano un total de 2,35 millóns de euros a colaborar coas entidades sociais, un 76% máis que no orzamento municipal de 2011 (un millón de euros máis).
– 100.000 euros para Emerxencia Social, o que supón alcanzar os 760.000 euros, triplicando o orzamento de 2011 que programou o bipartito para este servizo.
– 67.250 euros para Comedores Escolares e que, sumados aos 617.160 euros programados no orzamento de maneira inicial, elevan a cantidade para 2014 até 684.410 euros, máis do dobre que en 2011.
O Concello tamén incorpora ao seu orzamento 94.300 euros para convenios coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social e coa Cámara de Comercio, dentro do espírito de colaboración en proxectos que contribúan a mellorar o acceso ao mercado laboral e a formación dos coruñeses. O modificativo de crédito que se aprobará de maneira definitiva no pleno do próximo luns tamén permite:
– Incrementar en 110.000 euros as partidas municipais recollidas no orzamento inicial para actividades deportivas e xuvenís, como o programa Nocturnia.
– Destinar outros 10.000 euros á área de Rehabilitación, en concreto, para a recuperación da contorna e o acceso á Porta de San Miguel.
– Dedicar 62.146 euros para proxectos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), dentro da aposta pola mellora dos seus equipamentos e do material que empreguen os seus efectivos.
– Achegar 300.000 euros ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para os seus programas de dinamización social e económica e situar A Coruña como un referente turístico e cultural, grazas ao éxito de actividades como as fogueiras de San Juan ou as festas de María Pita.
Como en anos anteriores, o Executivo municipal debe destinar parte do modificativo de crédito ao pago de sentenzas urbanísticas xeradas pola xestión de anteriores equipos de goberno. Así, dedícanse 200.000 euros para fallos xudiciais nos que está pendente de fixarse a indemnización final -a maioría corresponden ao caso Someso-, o que á súa vez evita que no futuro sexa necesario pagar intereses de demora. Estes 200.000 euros súmanse aos 3,8 millóns que xa se recollen no orzamento inicial de 2014 para sentenzas urbanísticas, polo que agora elévase a cantidade final até os 4 millóns de euros. O modificativo de crédito permite ademais que non queden facturas pendentes de pago.
O modificativo de crédito finánciase, sobre todo, grazas ao remanente de tesouraría (4.387.153 euros, o que supón o 86% do importe), o que pon de manifesto a boa xestión dos recursos públicos e o aforro que se produciu no gasto superfluo con respecto a etapas anteriores. O resto do financiamento procede sobre todo de baixas de crédito, entre as que se atopan o aforro na adxudicación de proxectos, ao rebaixarse o seu importe final con respecto ao prezo de licitación.
No pleno do día 21 tamén se aprobará de forma definitiva un modificativo do orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) que se financia con remanente líquido de tesouraría: un total de 881.757 euros que se destinarán, na súa maioría, á organización de actividades de dinamización.
CONTRIBUCIÓNS ESPECIAIS
O Concello tamén leva ao pleno a proposta da Concellaría de Economía e Facenda a ordenanza de contribucións especiais. O convenio, que se aprobará de maneira inicial na sesión do próximo luns, establece que a Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA) achegará 1.008.931,79 euros que, unidos aos 112.103,54 euros achegados polo Concello (o 10% do investimento), permitirá construír unha nova torre de prácticas e adquirir un vehículo lixeiro, un vehículo de altura, nova material de transporte e material de rescate, para ximnasio e para mercadorías perigosas.
A achega de UNESPA é un 68% máis con respecto a 2012, cando destinou 600.000 euros a proxectos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS). O investimento final para este ano entre o Concello e UNESPA supera os 1,12 millóns de euros,
o que dá continuidade aos outros 1,72 millóns destinados en 2012 e 2013 para a incorporación dun equipo de excarceración, un vehículo autobomba pesado, un vehículo de rescate e outro para traballos en altura, unha nova cocheira, unha estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na a rede de hidrantes, mobiliario para o posto de control e subministración de material para o SEIS.











