O Concello da Coruña acondiciona un espazo de 6.600 metros cadrados en Eirís para solucionar a falta de aparcadoiro
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio de Eirís, onde anunciou o acondicionamento dunha parcela de 6.600 metros cadrados situada entre a avenida de Monelos e a rúa Jerónimo Vázquez Franco, sobre o falso túnel que conecta a zona co porto: “Trátase dunha obra que vén facer xustiza a Eirís”, destacou o alcalde e engadiu: “permitirá unir a zona máis antiga coa de recente construción”.
A actuación, que nas próximas semanas sairá a licitación por importe de 623.513,82 euros, contempla a creación de 52 prazas de aparcadoiro -3 delas para persoas con mobilidade reducida-, 2 pistas deportivas con canastras e portarías, un parque infantil con 5 xogos, un circuíto biosaludable con 5 elementos, unha zona común con miradoiro, axardinamento e o acondicionamento dun carreiro diagonal que permitirá mellorar a mobilidade peonil e a conectividade do barrio.
Esta iniciativa permitirá, por unha banda, solucionar un problema de mobilidade peonil na zona, á vez que se crea un espazo de lecer e outro de aparcadoiro que liquidan outra das demandas dos veciños da zona: “Será un espazo para o lecer co parque infantil, as pistas deportivas, unha zona de descanso con sombras e miradoiro; pero tamén con aparcadoiro, que era moi necesario na zona; e que favorecerá a conectividade entre a parte nova e antiga do barrio grazas a unha zona de transición ben iluminada, urbanizada e adecuada a estes tempos. En definitiva, un conxunto urbano humanizado en pleno centro de Eirís”, sinalou Carlos Negreira.
O alcalde explicou que está previsto que os traballos poidan comezar a finais de ano co obxectivo de que os veciños poidan gozar deste novo espazo no primeiro semestre de 2015: “O Goberno local tenta que todos os barrios ascendan a primeira e esta obra era unha débeda que tiñamos con Eirís e que se suma a outras melloras que realizamos co obxectivo de dotar á zona de mellores infraestruturas para elevar a súa calidade de vida”, finalizou.











