O Concello da Coruña acometerá a mellora urbana, estética e de seguridade do tramo urbano de Alfonso Molina
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou co presidente do Club de Leóns da Coruña-Decano, José Luís Álvarez, un protocolo de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de mellora urbana, estética e de seguridade do tramo urbano de Alfonso Molina.
Tal e como explicou o alcalde, trátase dun tramo de 1,2 quilómetros comprendido entre a Rolda de Outeiro e Linares Rivas: “Este é o momento adecuado para o cambio”, afirmou Negreira e continuou: “Coinciden no tempo a apertura da Terceira Rolda no primeiro trimestre de 2015, coa próxima ampliación de Alfonso Molina, a través dun protocolo con Audasa, e coa posta en marcha do primeiro PMUS da historia da cidade. Neste momento toca afrontar o tramo urbano de Alfonso Molina”.
Carlos Negreira avanzou que o proxecto actuará en tres direccións fundamentais:
– Seguridade Viaria. Abordará a mellora da seguridade viaria a través de diferentes actuacións como a redución da velocidade ou a substitución de biondas, entre outras.
– Mobilidade peonil. O proxecto apostará por favorecer a mobilidade peonil, substituíndo a mediana actual que actúa como barreira, dando continuidade aos percorridos peonís ou instalando beirarrúas e pasos de peóns, por exemplo.
– Renovación de elementos urbanos. Incidirase na substitución da iluminación e das varandas, entre outras cuestións.
O alcalde tamén subliñou que se aproveitarán as posibilidades das novas tecnoloxías para priorizar o transporte público ou conseguir o aforro enerxético a través da iluminación.
“Fai 38 anos, o Club de Leóns da Coruña-Decano afrontou unha obra nun momento no que a cidade vivía unha situación de risco neste tramo de Alfonso Molina”, asegurou Negreira, quen lembrou que a mediados dos 70 do século pasado producíronse varios atropelos que levaron ao Club a sufragar, avalado polos propios membros, as obras para a instalación dunha mediana como medida de seguridade: “38 anos despois, abordamos a modificación desa obra para adaptala ás novas necesidades e parece de recibo chamalos para que, a través deste protocolo, axúdennos a executar este novo proxecto dándonos a súa opinión e valoración. Os coruñeses queremos agradecer, así, a achega que no seu día fixeron pola mellora da seguridade viaria en Alfonso Molina”, destacou.
As obras, nas que o Concello investirá, aproximadamente 1,3 millóns de euros licitaranse nas próximas semanas co obxectivo de que estean finalizas no primeiro semestre de 2015.











