O concelleiro de deportes de Cangas defende o uso dos desfibriladores polo persoal designado polo Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Concelleiro Delegado de Deportes do Concello de Cangas, Francisco Javier Soliño Soliño responde ao grupo municipal do BNG sobre as acusacións dos desfibriladores afirmando ao respecto que os equipos son de propiedade municipal e están depositados no Gatañal e as Pistas de Atletismo pero dispoñibles para desprazalos a calquera proba deportiva que se celebre no termino municipal.

Soliño afirma que non é o mesmo “ocultar ou agochar” que “gardar ou custodiar”, e que o BNG o único que quere é darlle unha intencionalidade negativa que non a ten, seguramente, manifesta o concelleiro, porque eles (BNG) están máis adoitados a esconder, encubrir ou disfrazar a verdade. Ademais recórdalles que é a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia quen regula a través do Decreto 99/2005 do 21 de abril o uso dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) por persoal non médico establecendo no seu capítulo II as condicións para o seu uso e concretando no artigo 4º a súa utilización polo persoal designado, neste caso polo Concello, que acrediten a formación básica e mínima requirida en materia de reanimación cardiopulmonar, cousa que se está a cumprir íntegramente.

O concelleiro de Deportes aclara tamén que Cangas adquiriu estes equipos por mediación dunha subvención da Deputación de Pontevedra e unha aportación municipal, que non foron un agasallo. Que o persoal cualificado coa formación requerida polo Decreto 99/2005 foron 4 persoas e non dúas como asegura o BNG, ao mesmo tempo Soliño non entende esa desazón da formación nacionalista por torpedear o deporte cangués cando eles non fixeron nada cando tiveron ocasión e afirma que o único que fan é un fraco favor interferindo día a día na súa labor.

7 de xullo de 2014 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.