O cociñeiro Miguel Mosteiro ofrecerá na praza de abastos de Vilagarcía un showcooking
O chef Miguel Mosteiro, do Restaurante Deleitarte, protagonizará a demostración de cociña en directo que se desenvolverá mañá na Praza de Abastos de Vilagarcía no marco do programa “Come o Mar” promovido polo Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa en colaboración coa Concellería de Mercados. O show cookink ten como obxectivo promocionar as excelencias dos produtos do mar que se poden mercar habitualmente na sala de bastos como xeito dinamizador da pesca e a acuicultura como un dos recursos económicos máis importantes da nosa zona.
A demostración de cociña comezará ás once da mañá e realizarase no andar superior da sala de Abastos. Trátase dun acto aberto a todo o que queira coñecer as propiedades e diversos xeitos de cociñar os produtos de temporada do mar que se poden atopar estes días na Praza. Ademais de aprender consellos de preparación e algunhas receitas para sacarlle o mellor partido a estes produtos, os asistentes terán a oportunidade de comprobar o resultado mediante unha degustación dos pratos preparados.
O GAC5, promove esta actividade a través do programa do Fondo Europeo da Pesca que ten como obxectivo a realización de accións que sirvan para estimular a creación de novas fontes de ingresos sostibles nas zonas pesqueiras.
O obxectivo do GAC 5 – Ría de Arousa xunto coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa é liderar as accións que permitan o desenvolvemento local e o fortalecemento dá capacidade organizativa do sector pesqueiro, a estimulación da innovación e unha diversificación para os profesionais do mar, buscando a continuidade e estabilidade sostible.
Ademais de promocionar o consumo de pescados e mariscos da nosa ría, o show cooking súmase ás iniciativas que a Concellería de Mercados e os praceiros desenvolven periodicamente co obxectivo de dinamizar a Praza de Abastos.











