O Club Piragüismo Cambados mostra a súa fortaleza gañando a Copa Sipre de Kaiak en Vigo

Equipos disputando a proba
O Club Piragüismo Cambados volveu demostrar a súa fortaleza na Copa Sipre de kaiak de mar que se disputou en Vigo. Volveu ser o primeiro por equipos, nunha nova loita co Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, que ocupou a segunda posición. O terceiro foi o Náutico o Muiño de Ribaduma, o cuarto As Torres Romaría Vikiknga, o quinto o Club Piragüismo Aldán e o sexto o Club Kaiak Vigo, organizador da competición. Era a quinta regata da Copa Sipre e acudiron á cita 23 clubs e máis de 250 padexeiros de varias categorías.
Cun percorrido espectacular, con saída e chegada en Bouzas, os participantes tiveron que chegar até O Vao e volver. Un percorrido pegado á costa o que lle permitiu ao público seguir aos participantes. É unha das peculiaridades dunha regata na que se inviste pouco máis dunha hora en realizarse.
Foi ese o tempo que lle levou a ser primeiro na liña de chegada a Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’ en K-1. Superou a José Ramón Estévez, do Náutico de Pontecesures, e a Matous Pavlik, da Ría de Betanzos. Na categoría feminina, a gañadora foi Amaia Ousaba, do Club Piragüismo Pamplona. Jessica Moledo e Carmela Menduiña, ambas as do Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, ocuparon a segunda e terceira posición respectivamente.
Na modalidade de K-2, Jesús Rodríguez León e Bernardo Sánchez, do Club Fluvial O Barco, foron os gañadores, por diante de David Bouzón e Gustavo Tubio, de As Torres Romaría Viquinga. Julio Fontán e Pablo García, do Club Naval de Pontevedra, ocuparon a terceira posición. Sara Bravo e Ruth Otero, do Breogán do Grove, foron as gañadoras na categoría feminina.
A proba viguesa estaba destinada ás categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Ademais, disputouse a regata do chamado modelo tradicional. A competición tamén lle serviu ao Kaiak Vigo para promocionar o piragüismo. Ao longo de toda a xornada foron numerosas as persoas que probaron esta modalidade deportiva.











