O Club Artai e Basket Xiria asinan un acordo de colaboración para fomentar o baloncesto en Carballo
O Club Baloncesto Artai e a Escola Basket Xiria veñen de formalizar na Casa do Concello un acordo de vinculación co obxectivo de facer medrar esta disciplina no municipio, convertendo o baloncesto no segundo deporte máis importante de Carballo unindo a 1.804 socios e socias, a 276 xogadores e xogadoras, a 23 equipos e a 19 adestradores e membros dos equipos técnicos. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo transmitirlle aos responsables da iniciativa os parabéns da administración local, porque “cando dúas entidades que suman unha traxectoria de preto de 30 anos” traballan xuntas é “unha boa noticia para todos e todas”. O presidente de Escola Basket Xiria, Diego Vázquez, expresou que a sinatura deste acordo marca o comezo “dun proxecto moi importante e ilusionante”, que consegue construír “unha das mellores canteiras de Galicia”. Joaquín Moreira, presidente do Artai, subliñou a importancia deportiva da iniciativa, que permitirá que xogadores e xogadoras de ambos clubs poidan competir na Liga Galega das súas respectivas categorías, ao aproveitarse os logros de todos os equipos vinculados a través do acordo.
Así, por exemplo, o Basket Xiria poderá contar por primeira vez cun equipo en categoría júnior e os seus infantís competirán na Liga Galega. Para Vázquez, isto é “a culminación dun traballo que comezamos hai anos para fomentar o baloncesto en Carballo e comarca”. Outra das grandes metas desta colaboración é o esforzo que suporá para as categorías femininas, xa que esta unión fará posible no futuro acadar todas as franxas de idade. Así, o reto a máis longo prazo é o de crear un equipo sénior feminino, o que non ocorre en Carballo dende hai décadas. Esta tempada xa se contará cun equipo de nenas en categoría júnior, e “aínda que non para esta tempada, traballarase no equipo sénior como obxectivo de futuro”, en verbas de Joaquín Moreira. Respecto da letra pequena do acordo, a vinculación entre os clubs terá vixencia durante a tempada 2014/2015 dende o 1 de agosto de 2014 até o 30 de xuño de 2015, coa posibilidade de prorrogalo previo acordo entre as partes. Afectará ás categorías cadete, infantil e júnior, mais despois desta primeira experiencia estudarase a posibilidade de reducir ou ampliar o número de equipos implicados. Todos os xogadores vinculados continuarán pertencendo ao club de orixe e terán a decisión final sobre en qué club xogar en caso de ser suxerido polos adestradores un cambio de equipo. Está previsto que os clubs manteñan reunións periódicas para analizar a evolución do convenio, tanto dende o punto de vista deportivo como dende o administrativo. De feito, Joaquín Moreira quixo subliñar o traballo xa realizado por parte das dúas entidades, que ven reflectido neste acordo o esforzo de “moitas horas” durante moitos meses.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a “honra que supón estar neste acto con catro persoas que nos últimos anos foron o baloncesto carballés”, como son os propios Joaquín Moreira e Diego Vázquez, e os adestradores Arturo Ferraces, do Xiria, e Javier Cotelo, do Artai, que estiveron na cita xunto coa directora do Colexio Artai, Chelo García, así como nais e pais de xogadores/as dos dous clubs. Así mesmo, Ferrero quixo transmitir en nome de todos o seu agradecemento a Luciano Calvo, de Conservas Calvo, outro dos grandes artífices do acordo que non puido estar na formalización da vinculación ao atoparse fóra de Carballo. Para o Alcalde, “esta fusión vén dende a fortaleza que viven agora os dous clubs” que a partir de agora “seguirán creando sinerxías para incrementar esta fortaleza”. Espera que a súa “madureza e capacidade organizativa supoñan pasos bos para os clubs e para o baloncesto, pero sobre todo para os rapaces e rapazas e as súas familias”. Para rematar, transmitiu todo o apoio do Concello nesta nova andaina que emprenden, xa que “o baloncesto en Carballo vai ser moito mellor co paso que ides dar”.











