O Ciclo de Almorzos Empresariais de San Cibrao abordou casos prácticos de financiamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O director de financiamento especializado para empresas do Banco Sabadell Galego, Pablo Canton Tornei, foi esta mañá o relator convidado do ciclo de Almorzos Empresariais que organiza a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas dentro da súa estratexia para fomentar a análise e as necesidades actuais das empresas desde un enfoque moi próximo, práctico e accesible. Na súa intervención, Pablo Canton comparou os principais tipos de produtos de desconto e de crédito que existen no mercado. Ademais, expuxo vantaxes tan valoradas polo empresariado como son a cobertura de insolvencias, a cesión das xestións de cobro, o aforro de custos e o acceso ao circulante sen necesidade de incrementar o endebedamento bancario.

Outra liña relevante que analizou é a do pronto pago para pemes, porque “contribúe a manter o equilibrio na relación entre a empresa e os seus provedores”, asegurou. A través da análise de varios casos prácticos de financiamento empresarial, os asistentes a esta xornada tiveron oportunidade de coñecer en detalle o aforro real e as vantaxes directas que pode obter unha empresa en función da vía de circulante elixida. Na presentación da xornada, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, Elías Mera, destacou a importancia de fluidez na relación entre empresas e provedores, xa que “nesa implicación e complicidade cos subministradores e cos colaboradores é onde comeza a fraguarse todo bo plan de negocio”.

Por outra banda, eloxiou a reestruturación que está a ter nos últimos meses o sector bancario na comunidade galega e lembrou que “a maior competencia representa, sen dúbida, unha excelente noticia para a sociedade, e particularmente para todo o colectivo de empresarios, despois de varios anos de restricións no acceso ao crédito”.

O Ciclo de Almorzos Empresariais cumpriu hoxe a súa terceira cita. O programa comezou hai dúas semanas coa intervención doutro representante do Banco Sabadell Galego, Miguel López Docampo, director de comercio exterior, e continuou a semana pasada cunha charla a cargo de Alberto Branco, delegado de Sogarpo en Ourense.

10 de xullo de 2014 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.