O ciclismo de futuro invade Boiro

Podio do campionato
Boiro foi o escenario do último Campionato de Galicia na estrada do ano 2014, nesta ocasión para as categorías de Cadetes, Junior e Mulleres coa organización do C. C Barbanza e o patrocinio do Concello de Boiro. Moitísima calor e mañá esgotadora para a organización que desde as 9,30 h. até as 15,05 mantivo a actividade competititva nas estradas do Barbanza. A primeira das carreiras foi a de Mulleres na que se xogaban o campionato nas tres categorías. O rápido ataque de Paula Sanmartín (C.C. Vigués), Chus Barros (C.C. Spol), Zaida González (C.C. O Rosal),Irene Serrat (C.C. Vigués) e Andrea Tomei (C.C. Cambre) puña clara a carreira, e as camisolas para Paula, Chus e Andrea como líderes na súa respectiva categoría máxime cando Irene Serrat e Zaida González foron perdendo corda co paso dos quilómetros. Por detrás quedou un grupo reducido para disputar as poucas medallas que quedaban en xogo.
A proba dos junior foi máis competida con alternativas na cabeza e con sorpresa até certo punto porque Xoel Días (C.C. Compostelán) que sufrira unha caída nas primeiras pedaladas puido remontar o mal momento e despois dunha bonita loita entre os favoritos ao triunfo final atacou na subida ao alto do Palleiro para coller unha vantaxe que mantivo en Espiñeira, para plantarse en solitario na meta de Boiro por diante de Jon Ander Tomei (C.C. Cambre) e Manuel Barral (C.C. Cidade de Lugo) que se adiantaron no sprint da loita polas medallas de prata e bronce.
A proba de cadetes foi a de máis calor de toda a xornada con temperaturas que alcanzaron os 35 graos. Aquí houbo un control inicial até chegar ao alto do Palleiro, no que se produxo o primeiro intento serio con 5 homes que se foron por diante e outros cinco que formaron un grupo de contraataque. Sen embargo os homes de Marcos Serrano (E.C. Redondela) non perderon a oportunidade que lle daba a maioría numérica para levar a carreira ao seu terreo con triunfo final para Daniel Rodríguez (recente medalla de prata nos nacionais de Deporte Escolar), e escoltado no podio por dous corredores da Fundación Óscar Pereiro, Aitor Bugarín e Iñigo Rodríguez.











