O Centro de Formación A Aixola convoca 90 prazas en 12 cursos no porto de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar e xestionado pola Fundación CETMAR, vén de convocar cerca de 90 prazas en doce novas accións formativas. As primeiras darán comezo no mes de agosto na sede da escola no porto de Marín.

Os cursos están dirixidos tanto a parados como a persoas en activo e desenvolveranse en sesións de cinco horas de mañá ou de tarde. A inscrición está xa aberta e a súa formalización é posible directamente na sede de Aixola ou a través da páxina web. A selección do alumnado realizarase a través dunha proba unhas datas antes do comezo do curso. Toda a formación impartida no centro é de balde e está encadrada no rango de formación non reglada, é dicir, non dá lugar a un certificado académico, pero acredita aos alumnos que a cursan cun diploma de adquisición de coñecementos.

As primeiras accións previstas para o vindeiro mes de agosto son as de “Elaboración e colocación de cubertas en madeira” e “Empastador laminador de poliéster”, ambas de 300 horas a impartir polas mañás, de 9 a 14 horas. Para o mes de setembro está programado o inicio doutros tres cursos, como son “Velería e acastillaxe” -350 horas-; “Manipulador de polietileno y polipropileno en buques de pesca e acuicultura” -200 horas-, que se repetirá no mes de decembro, e “Mecánico instalador polivalente en embarcacións de poliéster” -450 horas-.

A oferta do centro de formación A Aixola para este novo curso 2014-2015 complétase con “Composites, modelismo. Modelado manual, infusión e baleiro” e “Carpintería de ribeira”, ambos de 600 horas de duración; “Técnicas innovadoras en composites e madeira” (305 horas): “Reparacións pneumáticas” (300 horas); “Instalación eléctrica de barcos” (250 horas) e, finalmente, o “Certificado profesional de redeiro”, de 330 horas.

O denominador común de todas as accións formativas é a súa orientación práctica para a adquisición das capacidades requiridas polo mercado laboral, a través da aprendizaxe en taller, onde se realizan proxectos xurdidos de necesidades reais. O centro de formación emula o traballo das empresas cun profesor-titor e un grupo de aprendices en cada especialidade. A formación teórica necesaria para o desenvolvemento das especialidades impártese maioritariamente integrada á práctica.

17 de xullo de 2014 | 11:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.