O Centro da Terceira Idade da Ramallosa alberga unha mostra fotográfica sobre agricultura social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O Centro da Terceira Idade da Ramallosa albergará até o próximo 31 de xullo a exposición de fotografías “Agricultura social: sementando alternativas de futuro”. A mostra, asinada por Patricio Michelin, mostra a través de 30 imaxes -20 en formato cuadrado e 10 en lonas de gran formato- de proxectos de agricultura social desenvolvidos pola Fundación Humana, que organiza esta exposición, en colaboración co Concello de Nigrán.

A inauguración tivo lugar na tarde de hoxe, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, Gustavo Pampín, responsable de Promoción a nivel nacional de Humana Fundación Pueblo para Pueblo, a concelleira de Benestar Social, Sanidade e Educación, Carmen Alonso-Macías, e outros membros do goberno municipal.

Humana Fundación Pobo para Pobo, Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) promove desde 1987 a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia así como de Axuda Social en España grazas aos recursos que obtén da xestión de téxtil usado.

Humana e a agricultura social

A agricultura social agrupa iniciativas do sector primario que teñen un impacto positivo tanto no territorio como nas persoas que as practican. A agricultura social xenera postos de traballo e formación para persoas con algún tipo de discapacidade, en situación de desemprego ou en risco de exclusión e impulsa proxectos sustentables que apostan pola produción de proximidade, ecolóxica e respectuosa co medio ambiente. Trátase dunha alternativa ao modelo de produción agrícola tradicional, con enorme capacidade de transformación e cun crecemento elevado nos últimos anos.

A agricultura social encaixa na identidade de Humana Fundación Poboo para Pobo porque sitúa ás persoas no eixo central das súas actuacións. Este tipo de accións dotan de maior valor ao labor de valorización do téxtil, achegando solucións a outros problemas da nosa sociedade, tanto sociais como ambientais.

A Fundación ten unha dilatada experiencia desde hai máis de 20 anos no desenvolvemento de proxectos de agricultura e seguridade alimentaria nos países do Sur o que lle permitiu executar, no marco das súas actividades de Axuda Social, un programa de agricultura social na nosa contorna máis próxima. Desde 2012, Humana impulsa un programa de axudas á agricultura social, no que participan un total de 11 proxectos.

Así mesmo, a Fundación traballa nun proxecto de agricultura urbana, denominado 3C: “Cultivemos o Clima e a Comunidade”, para impulsar un modelo de agricultura sustentable en contornas urbanas. O que se procura é aproveitar os recursos locais dispoñibles para xerar produtos de autoconsumo por parte de persoas que desexen crear lazos con outros membros da súa comunidade cos que compartan intereses.

A mostra fotográfica que se presentou en Nigrán, e que durante o verán visitará outras poboacións galegas e do resto do Estado, fai un percorrido por cinco dos proxectos cos que Humana colaborou a través das imaxes do fotógrafo Patricio Michelín (www.patricio-michelin.com).

Humana Fundación Poboo para Pobo conta en Nigrán con 13 colectores que recolleron 35.380 quilos de téxtil usado no primeiro semestre do ano 2014. No ano 2013, Humana recolleu na localidade 84.195 quilos de roupa e calzado usados.

17 de xullo de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.