O Centro Comercial Arousa desenvolve un taller para facer xeados e sorbetes caseiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro Comercial Arousa acollerá mañá xoves, a partir das 20:30 h. e na segunda planta, o Taller de Verán, un curso no que os participantes aprenderán a elaborar máis de 10 xeados e sorbetes caseiros de todo tipo de sabores -como caramelo, chocolate, café, mango, mazá, plátano ou apio-. No taller ensinarase como elaboralos, tanto de forma manual como coa axuda de robots de cociña, e poderanse probar ao finalizar.

Na elaboración das receitas empregaranse ingredientes para todos os gustos: desde os máis doces para facer xeados de caramelo, de iogur grego ou de chocolate e pasas ao brandy, até os máis saudables e lixeiros para a preparación de xeado lixeiro de mango, de pexego con clara de ovo ou sorbete de apio. Tamén se aprenderá a facer xeados de plátano e sorbetes exprés para quen dispoñan de pouco tempo.

Entre as novidades deste taller atópase a utilización de orixinais técnicas como a do azucre investido, que se prepara quentando azucre corrente en presenza dun ácido, e que é moi popular no sector da xeadaría, ao evitar a formación de cristais e achegar un aspecto cremoso ao produto.

O curso, de carácter gratuíto e de acceso libre até completar aforamento, estará impartido por Geni Longa e Maribel Fernández, especialistas na elaboración deste tipo de refrixerios, e quen, ademais de cociñar as receitas in situ, suxerirán aos asistentes técnicas para a decoración de todos os produtos, así como para conservalos en bo estado e servilos de forma atractiva.

Unha vez finalizada a demostración de cada unha das receitas, os asistentes poderán degustalas para comprobar o resultado final. Ademais, ao concluír a sesión, poderanse consultar todos os ingredientes e as receitas na páxina web do centro www.ccarousa.com e en Facebook http://www.facebook.com/ccarousa.

30 de xullo de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.