O cartel do Noroeste Pop Rock incluirá as actuacións de Madness, Love of Lesbian, Delafé y Las Flores Azules, Los Esquizos e catro bandas locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Cultura, que dirixe Ana Fernández, acompañada polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, e o coordinador do Noroeste Pop Rock, Nonito Pereira, presentou esta mañá o cartel do Festival que se celebrará os días 8 e 9 de agosto na praia de Riazor e que estará encabezado polos londineses Madness, os barceloneses Delafé y las Flores Azules e Love of Lesbian, e os galegos Los Esquizos, que regresan aos escenarios tras máis de 20 anos desde o seu último concerto.

Nesta edición acompañarán ás cabezas de cartel catro bandas saídas dun concurso ao que se presentaron 48 grupos galegos e que se fixeron coa súa praza no Noroeste tras unha actuación en directo na Sala Túnel do Coliseum: La Senda de Afra, Misterioso Viaje a Holanda, Bourbon Queen e Ánima.

“Continuamos na mesma liña que comezou fai tres anos e que ten un obxectivo fundamental: devolver a identidade e o esplendor perdido ao Noroeste Pop Rock e situalo como unha cita ineludible para os amantes da música. E para iso definimos unha estrutura que pasa por ofrecer o concerto dunha gran banda internacional, acompañada por grupos nacionais de gran calidade e catro teloneiros, converténdose nunha magnífica plataforma que impulse as carreiras dos mozos músicos galegos e coruñeses”, explicou Ana Fernández.

Así, o Noroeste Pop Rock 2014 acollerá 4 concertos cada día:

Venres, 8 de agosto

– 21.00 horas: La Senda de Afra (A Coruña).

– 22.00 horas: Misterioso Viaje a Holanda (A Coruña).

– 23.00 horas: Delafé y las Flores Azules (Barcelona).

– 00.30 horas: Love of Lesbian (Barcelona).

Sábado, 9 de agosto

– 21.00 horas: Bourbon Queen (A Coruña).

– 22.00 horas: Ánima (A Coruña).

– 23.00 horas: Los Esquizos (A Coruña).

– 00.30 horas: Madness (Londres).

“Love of Lesbian converteuse nun dos grupos máis escoitados do país, con máis de 150.000 quilómetros de xira pola península en tan só dous anos. Ademais, compartirán escenario con outra banda barcelonesa, Delafé y las Flores Azules, cun traballo moi interesante. O regreso dos Esquizos, tras o gran cheo do seu último concerto en 1992, será outro dos grandes reclamos do Noroeste 2014; e, por suposto, esperamos un gran éxito no concerto de Madness, a banda que converteu o ska en superventas e que pisará Riazor tras 30 anos de grandes éxitos con temas mundialmente coñecidos”, destacou Fernández.

A tenente de alcalde de Cultura tamén destacou o éxito da modalidade que recuperou o directo para elixir ás bandas que abrirán os concertos e que se puxo en marcha o ano pasado: “O novo formato converteuse nunha excelente plataforma de promoción para as bandas locais. Nesta edición, con 650 votos do público, duplicouse a asistencia respecto ao ano pasado e o obxectivo é que o próximo ano podamos incrementar o número de actuacións para dar a posibilidade a máis grupos de mostrar as súas propostas en directo”, sinalou a concelleira, quen engadiu: “Grazas a esta iniciativa, este ano podemos gozar na praia de La Senda de Afra, da que hai que destacar a contundencia e frescura do directo desta nova formación, así como a presenza escénica dun grupo esencialmente feminino. De Misterioso Viaje a Holanda hai que lembrar que é a formación coruñesa actual de maior proxección no seu estilo coa súa mestura de pop, rock e electrónica, todo dentro dunha ambientación moi traballada. O novo quinteto Bourbon Queen demostrou cun directo explosivo que bebe dos clásicos do rock dos 90; e Ánima presenta unha formación de rock xa asentada que continúa dando pasos dentro dun crecemento que parece non ter límites”.

Por último, Ana Fernández fixo referencia ao cartel deseñado por Javier de la Rosa, deseñador afincado na cidade. “Apostouse por un son moi relacionado coa cidade como é o propio Noroeste Pop Rock: un festival de referencia a nivel nacional pero que conta coa esencia musical da cidade, dos seus sons e das súas bandas”, concluíu a concelleira.

16 de xullo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.