O BNG critica que Hernández accede á Alcaldía cunha evidente crise de lexitimidade
O voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, negou que Agustín Hernández empece un novo mandato á fronte do Concello compostelano, ao constatar que inicia “unha nova etapa do mesmo mandato de -Gerardo- Conde Roa”, polo primeiro alcalde do Partido Popular en Santiago nesta lexislatura.
Ao respecto, Cela denunciou que Hernández “empeza mal” e cunha “crise de lexitimidade evidente”, ao criticar, en rolda de prensa de valoración da toma de posesión do novo rexedor, o “subterfuxio legal” utilizado polos populares para levar á Casa do concello a unha situación de “absoluta anormalidade democrática”, cun goberno conformado por unha maioría de concelleiros non electos.
Cela, que abandonou o pleno en sinal “simbólica” de protesta e pola “coherencia” e “responsabilidade” que asegura que o Bloque mantén ante a situación no Pazo de Raxoi, subliñou que isto “nunca pasou” en ningún dos concellos galegos e dixo que “non é froito da casualidade”.
Ao xuízo de Rubén Cela, “se alguén puxo paus nas rodas” á vida política da capital galega “foi o PP”, tras varios anos nos que levou adiante “corruptelas”.
DISPOSTO A COLABORAR
Fronte a isto, reivindicou que o grupo nacionalista ofrecerá “propostas”. “Non sería responsable calar. Seguiremos intentando cumprir co labor de fiscalización da acción do goberno”, ratificou.
A maiores, o voceiro do BNG afirmou “saudar” as declaracións de Agustín Hernández no seu discurso de toma de posesión -ao que tivo acceso malia non estar presente-. “Saudar a declaración de intencións”, destacou, ao indicar que “polo menos formalmente” hai “espírito de contar coa oposición”. “Por nós non vai quedar”, apostilou.











