O Aquarium Finisterrae abre o acceso ás piscinas exteriores onde viven as focas
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que os espazos exteriores que dan acceso ás dúas piscinas onde viven as focas do Aquarium Finisterrae xa están abertos ao público tras concluír as obras de reparación dos danos ocasionados polos temporais o pasado inverno.
Coa finalización destes traballos, renóvanse as actividades para o público que se celebran nesta zona do Aquarium. Así, os visitantes poden achegarse a ver as focas en calquera momento da visita e asistir ás charlas divulgativas sobre estes animais que se ofrecen no momento da súa alimentación (todos os días da semana, ás 12.00 e ás 18.00 horas).
O Concello da Coruña acometeu obras por un importe próximo aos 400.000 euros para a reparación dos danos ocasionados no Aquarium durante os temporais ocorridos no primeiro trimestre deste ano. Os traballos consistiron na limpeza das terrazas, a reconstrución do dique ao lado oeste, a impermeabilización e protección do morro exterior que delimita o tanque da sala Nautilus, a protección ao lado oeste e drenaxe da chaira de exteriores, actuacións no foso de bombas, retirada e reposición de varandas, reparación de portas de aluminio e de instalacións eléctricas, así como arranxos en paredes, ventás e no sistema de aire acondicionado.











