O alcalde supervisa as obras do saneamento de A Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, supervisou o avance das obras para a construción do saneamento da Reigosa na que a Xunta inviste máis de 700.000 euros na construción dunha EDAR e unha rede de saneamento con 5.800 metros de tubaxe e 171 pozos de rexistro.

Perfecto Rodríguez considera que o bo ritmo dos traballos permitirá que o saneamento entre en servizo, como estaba previsto, a finais deste verán.

En relación á obra, vai moi avanzada a instalación da rede de colectores en gran parte do lugar, estando xa completa a instalación das tubaxes na zona de o Campo e A Carrasqueira. Durante estas semanas finalizarase a instalación da rede de colectores na zona do Colexio da Reigosa e a súa contorna. Unha vez finalicen esas obras, o Concello acometerá as conexións para as vivendas e construcións do lugar, co obxectivo de que antes de finalizar o verán os veciños da Reigosa poidan xa solicitar a conexión e contar co servizo de rede de sumidoiros.

Unha vez se complete a instalación das tubaxes procederase á reposición do firme en todas as gabias. Non se fixo ata agora porque é mellor que compacte o terreo para evitar que o firme poida ceder no futuro. Ademais previo a esa reposición están a examinarse o estado das tubaxes instaladas por parte da empresa encargada do control de calidade, que instala unhas cámaras que permiten o visionado de toda a rede para garantir que non hai fisuras polas obras.

A EDAR baséase nun filtro biolóxico con humedais

Os traballos que están a piques de concluír prevén a instalación dunha depuradora, que se dimensionara para unha poboación de 314 habitantes, e que disporá de equipamentos prefabricados tales como arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador, dixestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, humidais en paralelo e arqueta de inspección.

Esta depuradora reduce ao máximo o seu posible impacto ambiental xa que basea o seu proceso de depuración nun filtro biolóxico coa tecnoloxía de humidal. A pesar de que esixe máis superficie de terreo que un tratamento convencional, permitirá un elevado rendemento de depuración combinado cun moi baixo consumo enerxético, o que aforrará custos ao Concello como futuro explotador da infraestrutura.

Segundo Augas de Galicia, con esta tipoloxía de depuración permite que sexa unha aposta para a sustentabilidade ambiental e económica do rural galego. En concreto, a potencia necesaria para o funcionamento da EDAR da Reigosa será de 1 Quilowatt, menor que unha vivenda.

É a maior obra de saneamento no municipio despois da construción da EDAR de Ponte Caldelas 

Perfecto Rodríguez lembrou a importancia orzamentaria deste investimento en infraestruturas para o municipio, en época de especial recorte e austeridade orzamentaria. “É un investimento moi importante para Ponte Caldelas, a segunda en relevancia en materia de saneamento despois da construción da EDAR que dá servizo á vila”, manifestou o alcalde.

O rexedor de Pontecaldelas agradeceu tamén a colaboración veciñal, en especial da Comunidade de Montes da Reigosa, no que se refire á cesión dos terreos necesarios para executar esta importante obra e para a instalación da EDAR, así como ao exconselleiro Agustín Hernández e á Xunta de Galicia por incluír estas obras nos seus plans de investimento.

 

10 de xullo de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.