publicidade hoxe

O alcalde de Ponte Caldelas recrimina ás empresas propietarias do tanatorio o peche das instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mostrou unha vez máis por escrito a súa indignación aos propietarios do tanatorio situado en Chan da Barcia por manter, desde o mes de novembro pasado, pechadas as instalacións e sen prestar este servizo aos veciños neste termo municipal obrigándoos a ter que desprazarse a outros lugares próximos para velar aos seus seres queridos. O tanatorio pechou nesa data debido ao esborralle dunha parte da cuberta que provocou inundacións. Desde esa data, lonxe de proceder á súa reparación as empresas propietarias manteñen pechada a instalación.

Nun ton moi duro, Perfecto Rodríguez enviou unha nova misiva ás empresas Alianza Española S.A. de Seguros e Albia Gestión de Servicios S.L.U. recriminándolles a súa actitude a cal considera despreciativa cara aos veciños e asegurados destas firmas. “Son consciente de que se trata dunha instalación e actividade 100% privada e que por tanto o Concello non pode intervir directamente, pero iso non impide que como alcalde teña a sensación de que tanto Alianza Española S.A. de Seguros como Albia Gestión de Servicios SLU, copropietarios da sala velatoria de Ponte Caldelas, están a ter unha actitude de auténtico desprezo aos veciños e veciñas deste municipio, e moi especialmente aos seus asegurados”, sinala o alcalde.

O rexedor quéixase tamén de que xa en febreiro lles dirixín unha carta e desde a data, e a pesar das múltiples chamadas e conversacións que mantivemos, vexo que a situación segue igual”. Sinala tamén que “é a miña obrigación interesarme pola previsión da posta en servizo, novamente, desta instalación que, aínda que privada, presta un importante servizo ao municipio”.

Perfecto Rodríguez recoñece que a actividade do tanatorio xorde desde a iniciativa privada e que nada ten que ver coa xestión municipal, pero considera que a súa paralización supón un grave trastorno para os veciños do municipio. “Entendo que o do tanatorio é unha actividade privada, promovida por dúas empresas que defenden os seus intereses e onde non pode intervir directamente un concello, pero non é menos certo que a súa actitude está a provocar graves inconvenientes aos seus asegurados, que ademais son veciños deste municipio polo que me vexo na obrigación moral de sumarme á indignación dos cidadáns afectados por esta situación”, di o alcalde.

Finalmente, Perfecto Rodríguez sinalou que “por moito que nos moleste, trátase de decisións que adoptan empresas privadas dentro do ámbito dos seus negocios, e do mesmo xeito que sucede co tanatorio, que é de propiedade e froito da iniciativa privada, podería ocorrer con outras empresas que prestan servizos aos cidadáns, como o centro de día ou a gardaría privada (non a municipal), por exemplo. Si esas empresas decidisen paralizar ou cesar a súa actividade tamén crearían importantes molestias aos seus usuarios que terían que buscar outras alternativas e ante cuxa decisión tampouco podería facer nada o Concello de Ponte Caldelas posto que son as propias empresas, que exercen esa actividade, as que deciden sobre o futuro da mesma”, concluíu o alcalde.

2 de xullo de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.