O alcalde de Ponte Caldelas mostra a súa satisfacción pola próxima instalación de Orbe e Aludec Saxonia na Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez considera que a próxima instalación de importantes empresas como a conserveira ORBE, S.A. ou ALUDEC SAXONIA, S.A., no Parque Empresarial da Reigosa, consolidan a este polígono industrial como o referente para a instalación de empresas na comarca.

No mes de xuño foi a empresa ALUDEC SAXONIA, S.A., pertencente ao grupo ALUDEC, a que anunciou a construción dunha nave no Parque Empresarial da Reigosa para unha industria de metalizado de pezas plásticas para compoñentes do automóbil cun investimento de máis de 4,3 millóns de euros.

Agora nesta pasada semana foi a conserveira viguesa ORBE, S.A. a que xa fixo oficial a construción da súa fábrica de conservas tamén no Parque Empresarial da Reigosa cun investimento superior aos 8 millóns de euros, despois de varios anos de conversacións entre a empresa, o alcalde e Xestur, que por fin culminaron coa compra da parcela e o anuncio xa oficial da súa próxima instalación.

Para Perfecto Rodríguez estes son dous claros exemplos de que o Parque Empresarial da Reigosa ten que ser o polígono de referencia na comarca para a instalación de novas empresas.

Este parque concibiuse como unha ampliación do Parque do Campiño e por tanto pola súa localización pode perfectamente acoller empresas de toda a comarca e mesmo tamén moitas que teñan vinculación co porto de Marín, posto que está só a unha distancia de 15 quilómetros do citado porto.

“Temos que ser conscientes de que nos próximos 10 anos o único chan industrial dispoñible na comarca é este polígono industrial da Reigosa, e todos debemos traballar xuntos para promocionalo, evitando localismos ou xerando dúbidas sobre a existencia de chan industrial porque non o haxa fisicamente en Pontevedra capital ou no porto de Marín”.

“Se empresas importantes como ORBE ou ALUDEC consideran óptimo o emprazamento da Reigosa a pesar de ter importantes vínculos coa área de Vigo (Aludec con Citröen e Orbe co porto de Vigo), non deben ser as administracións as que poñan en dúbida a idoneidade deste parque ou a suposta necesidade de crear outros polígonos”.

“Por iso fago un chamamento a que todas as administracións e sectores sociais promocionemos este parque empresarial na comarca, porque ante situacións como a sentenza dos recheos do porto de Marín que xeran inseguridade xurídica, este polígono pode perfectamente albergar empresas que teñan vinculación co porto pola súa curta distancia. Xa sei que non pode ser propiamente un “porto seco” en sentido estrito porque non ten acceso ferroviario pero iso non impide que poida albergar outras empresas que non requiran tren para o seu transporte de mercadorías, tal e como se está demostrando agora con ALUDEC SAXONIA, S.A. ou con ORBE, S.A”.

21 de xullo de 2014 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.