O afeccionado máis xoven do Rio Natura Monbus xa ten a súa Pequeabono
O “Pequeabono” do Rio Natura Monbus Obradoiro segue triunfando entre os afeccionados máis pequenos do club. O último en adquirilo e tamén o máis novo, con só catro meses de vida, foi Martín, que acompañará á súa nai Vanessa nas súas visitas ao Fontes do Sar. A afeccionada afirma que “espero gozar tanto como en anos anteriores, pero agora cun pequeno afeccionado máis ao meu lado”.
“Ao renovar o meu abono este ano lembráronme que podía sacar tamén o meu Pequeabono, e por suposto pareceume unha boa e graciosa iniciativa, así que non o dubidei”, continúa. Este formato simbólico de abono está creado para os nenos e nenas con menos de cinco anos, é dicir, nados a partir de setembro do ano 2009. Debe ir vinculado a un abono adulto, xa que permite o acceso a todos os partidos no Fontes do Sar acompañado do titor.
O seu custo é de tan só 17 euros e pódese realizar presentando nas oficinas do club no seu horario habitual (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00) o formulario dispoñible na páxina web www.obradoirocab.com, xunto cunha copia do libro de familia e outra do resgardo do abono adulto ao que se asocia.
Ademais, a Campaña de Abonos segue o seu curso, cun 10% de desconto para antigos abonados que renoven e un 30% para accionistas (con máis accións das mínimas) que tamén o fagan. Outro dos descontos máis exitosos desta campaña é o “Trae a un amigo”, que rebaixa un 10% o prezo da renovación si traes a un novo abonado que che referencie.











