Noventa rapaces participan nos cursos de natación de Lousame
Un total de noventa persoas, sobre todo rapaces e rapazas, participan nos cursos de natación organizados polo Concello de Lousame, que comezaron a impartirse esta semana na piscina municipal da Silva. Unhas clases de iniciación e perfeccionamento que se impartirán todas as mañás dos meses de xullo e de agosto. Ante a gran cantidade de solicitudes presentada, a Concellería de Deportes optou por organizar distintos grupos de traballo, de acordo coas idades e cos coñecementos dos alumnos, e que asisten a dúas clases por semana.
A piscina municipal do Concello de Lousame abriu as súas portas ao público pola tempada de verán o pasado 1 de xullo e permanecerá aberta durante os meses de xullo e de agosto. O Concello de Lousame mantén os mesmos prezos con respecto ao ano pasado, de xeito que os veciños e veciñas poderán optar entre:
– Bono familiar: 15 euros. Ponde incluírse ata un máximo de 5 membros da mesma familia.
– Bono individual: 12 euros.
– Baño libre por día: 1,2 euros.
Os bonos inclúen os dous meses da tempada (xullo e agosto). Máis información no Concello de Lousame (981 820 494).











