Nova edición da Factoría de Innovación de Vigo para fomentar o emprendemento e a I+D+i nas pemes

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A Escola de Organización Industrial, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo, coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, acaban de pór en marcha a segunda edición da Factoría de Innovación de Vigo, co obxectivo de continuar favorecendo o emprendemento e a implantación de iniciativas de I+D+i nas pemes do sur de Galicia, preferentemente.

Esta edición pretende dar continuidade ao éxito obtido na convocatoria anterior, na que participaron máis de 750 empresas e impartíronse 600 horas de consultoría, que permitiron que 30 compañías de diferentes sectores puidesen deseñar e pór en marcha un proxecto innovador.

Nesta nova etapa, a Factoría de Innovación de Vigo, que se presentará oficialmente no mes de setembro, continuará fomentando o desenvolvemento das capacidades innovadoras das compañías e organizacións empresariais, facilitándolles a execución de novas iniciativas que contribúan a dinamizar a súa actividade empresarial e rendibilizar os seus produtos e procesos de xestión.

Desenvolvemento da cultura innovadora

Para alcanzar estas metas, a Factoría de Innovación de Vigo porá en marcha un “Plan de Consultoría Individualizado”, no que poderán participar un total de 24 pemes – preferentemente do sur de Galicia- que a través de sesións de traballo individuais, sesións grupais e seguimento semanal remoto cun coach especializado en innovación, poderán identificar, definir e facer realidade unha idea innovadora, que poderán mellorar o seu posicionamento no mercado e ser máis competitivas.

Así mesmo, entre os meses de outubro de 2014 e marzo de 2015, organizaranse un total de 14 actividades en aberto, que cunha tipoloxía moi variada -desde seminarios a showrooms de tendencias ou demolabs- analizarán os mecanismos que existen para conseguir que as compañías sexan verdadeiramente innovadoras e sustentables.

O período de inscrición para participar no “Plan de Consultoría Individualizado” comezará a mediados do mes de xullo e prolongarase até despois do verán. As empresas interesadas deberán realizar a súa solicitude a través da web da Factoría de Innovación de Vigo, onde se habilitará un espazo específico para este fin.

Factoría de Innovación de Vigo

A Factoría de Innovación de Vigo é un centro de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación, que se dedica ao desenvolvemento das capacidades innovadoras das empresas e organizacións empresariais, facilitándolles a posta en marcha de proxectos innovadores, contribuíndo a dinamizar a súa actividade empresarial e a mellorar os seus procesos de xestión.

Trátase da primeira factoría de innovación de Galicia e está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e a Universidade de Vigo (UVIGO), e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

15 de xullo de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.