Neda patrocina ao único equipo galego de dardos que estará presente no Campionato do Mundo de Seúl

O alcalde de Neda xunto aos integrantes de Galacticos Team
O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, recibiu esta mañá xunto ao concelleiro de Deportes, Roberto Rey, aos integrantes do Galacticos Team, o único equipo galego e un dos tres da Península Ibérica presentes esta fin de semana no Campionato do Mundo de Dardos, que se celebrará en Seúl. Un equipo que no 2013 conseguía a clasificación para o torneo tras vencer no Campionato galego celebrado en Nigrán e resultar campións no Campionato de España e Portugal disputado en Valladolid. Un palmarés de luxo para o equipo, integrado por veciños de Neda, Narón e Ferrol: Maldini, Quique, Robin, Jose Antonio, Iván e Fran Basoa. No día de hoxe partirán cara Seúl nunha viaxe que durará ao redor dunhas 24 horas e con escalas en Madrid e Londres. Unha viaxe posible despois de moitos meses recadando fondos con iniciativas como a celebración dun campionato no Centro Cívico de Neda –no que colaborou o Concello– ou a venda de lotería. De novo, a Concellería de Deportes volve apoiar ao equipo cedendo os uniformes, co escudo de Neda nos mesmos, cos que xogarán o Campionato do Mundo. Un patrocinio que todos eles quixeron agradecer esta mañá á Administración local de Neda, así como o respaldo da Asociación Deportiva Gallega de Dardos e do Karaoke Trópico.











