publicidade hoxe

Neda oponse a calquera recorte no servizo de transporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, reiterou esta mañá a posición contraria do goberno que dirixe a calquera tipo de diminución do servizo ou recorte nas liñas de transporte e emprazou aos grupos da oposición a sumarse a esa posición, unindo forzas en lugar de utilizar este asunto como arma política de desgaste contra o executivo que preside.

O rexedor lembra que desde o primeiro momento o Concello realizou todas as xestións que estiveron na súa man para manter o servizo, mantendo reunións non só coa Xunta de Galicia, competente na materia, senón tamén co comité de empresa e os seus traballadores. Co obxectivo de garantir o servizo para os veciños e veciñas de Neda e a viabilidade da empresa concesionaria e, por tanto, o mantemento dos seus postos de traballo.

Tras o recente anuncio de posibles recortes, o concelleiro de Transportes nedense, José Manuel Gradaílle, trasladouse este mes a Santiago para manter co alcalde de Narón, José Manuel Branco, unha reunión coa directora xeral e exporlle o rexeitamento do Concello a posibles recortes que, no caso de Neda, afectarían á liña 12 (nas viaxes que realiza pola tarde), así como aos traslados ao Hospital Arquitecto Marcide (os domingos). Desa entrevista saíu o compromiso da Xunta de trasladar ao Concello toda a información relativa ás liñas (frecuencias, horarios, usuarios…) e elaborar con esa base documental as alegacións pertinentes.

É por iso que o alcalde, ante o anuncio dos grupos da oposición de realizar as súas propias alegacións, convídalles a axuntar forzas e esforzos, participando na redacción conxunta desas alegacións e ofrecendo unha fronte común do municipio. Outra actitude, para o alcalde, máis que en beneficio dos veciños e veciñas entende que buscaría un rédito político sen ningunha base, xa que o transporte público foi e é unha prioridade para o equipo de goberno.

30 de xullo de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.