publicidade hoxe

Neda abrirá a tempada de baño na piscina municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda inaugurará este sábado a tempada de baño na piscina municipal. Así, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Roberto Rey, explicou que esta mesma semana remataban as obras de acondicionamento e reposición de materiais tras os actos vandálicos rexistrados nas instalacións. Actos que obrigaron á Administración local a colocar novas duchas ou baldosas. Estes traballos completáronse con outros de mellora como o tratamento dos bancos de madeira ou o arranxo dos teitos dos vestiarios, moi deteriorados ata o dagora. A piscina permanecerá aberta ata o 15 de setembro e os horarios serán de mañá e tarde. No primeiro caso, de luns a venres de 11,30 a 13,30 horas e, no segundo, de 16 a 20 horas, de luns a domingo.

O custe da entrada está establecido en 1,50 e 3 euros para menores e maiores de 14 anos respectivamente. Neste senso, o edil Roberto Rey informou de que veciños e veciñas poden expedir os seus correspondentes bonos para a tempada, co que se abaratan os custes. Así, o prezo dos individuais é de 15 e 21 euros para menores e maiores de 14 anos, namentras que o familiar é de 36 euros. A piscina contará cun conserxe e un socorrista, que velará polo correcto uso das instalacións. De 25 metros por 15, ten unha profundidade que oscila entre os 1,20 e os 1,30 metros, facéndoa idónea para o uso dos máis pequenos. Os abonos, así como as entradas, deben retirarse na propia piscina.

11 de xullo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.