publicidade hoxe

Nava Castro presenta en Parada de Sil o paso da penúltima etapa da Volta ciclista a España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaParada de Sil
A-
A+
Nava Castro na presentación da etapa

Nava Castro na presentación da etapa

Os Balcóns de Madrid acolleron hoxe a presentación da etapa 20 da 69 Edición da Volta a España, que leva por título Provincia de Cádiz-Santiago de Compostela. El Final del Camino.

No acto de presentación interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e mais o director da Volta, Javier Guillén. A etapa 20, a penúltima da proba e a 4ª das cinco que transcorren pola comunidade galega, sae de Santo Estevo de Ribas de Sil e percorre preto de 164 quilómetros ata o porto de Ancares.

Cinco etapas en Galicia

A Volta terá cinco etapas finais en Galicia. Ortigueira- A Coruña; A Estrada-Monte Castrove; Salvaterra do Miño-Cangas do Morrazo; Santo Estevo de Ribas de Sil-Porto de Ancares e a contrarreloxo en Santiago de Compostela.

En total, 697,8 quilómetros da Volta descorrerán por terras galegas e, segundo matizou a directora de Turismo, “descubrirán ao mundo enclaves tan marabillosos como a Ribeira Sacra”. E tamén indicou que estas “diferentes singularidades nos eidos culturais, patrimoniais e naturais que ofrece este territorio levárono a integrarse na listaxe provisional do proceso de declaración de Patrimonio da Humanidade”.

A gran beleza natural dos canóns dos ríos Sil e Miño, os fértiles vales para a produción de viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ou o paso do Camiño de Santiago son só algúns dos atributos únicos deste enclave que comentou a directora de turismo. “Non existe outro lugar na península cunha concentración tal de mosteiros cistercienses e beneditinos, compartindo territorio cun importante número de construcións relixiosas de estilo románico”, puntualizou. Nava Castro lembrou tamén a posta en marcha dos Trens Turísticos das Rutas dos Viños de Galicia, que Turismo de Galicia realizou en colaboración con Renfe, e que supoñen un novo produto turístico e un novo xeito de adentrarse nos territorios vitivinícolas de Galicia como a Ribeira Sacra.

Capacidade de internacionalización do destino

Tamén destacou que o paso da Volta é unha oportunidade para a internacionalización do destino Ribeira Sacra, que está a incrementar as súas cifras de afluencia turística nacional e internacional. Así, segundo os últimos datos do INE, a cifra de viaxeiros rexistrados nesta zona en maio deste ano medrou máis dun 25 % a respecto dos contabilizados en maio do ano pasado. As pernoitas tamén experimentaron unha suba considerable que se achega ao 32% con respecto ás rexistradas no mesmo mes de 2013.

Tamén a estadía media subiu un 5,3 % neste enclave a respecto de maio de 2013. A suba de viaxeiros detéctase en ambos segmentos da demanda. Así, os viaxeiros nacionais que se achegaron á Ribeira Sacra medraron preto dun 40 % a respecto de maio do ano pasado e a cifra de viaxeiros internacionais medrou case un 15%.

Segundo lembrou Nava Castro, “sen dúbida, o paso da Volta por estas terras repercutirá notablemente nas cifras de turistas rexistradas neste territorio. Así, na anterior edición Galicia contabilizou no mes de agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade, superando en algo máis de mil os computados no Ano Santo 2010”.

Repercusión nos medios de comunicación
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “o feito de que a Volta remate en Galicia proporciónanos a satisfacción de ser o escenario das etapas máis emocionantes da proba e de que a capital de Galicia sexa o día 14 de setembro o lugar no que se disputará a contrarreloxo individual”. A última vez que a Volta rematou fora de Madrid foi no Ano Santo de 1993 e tamén foi en Santiago, coa subida ao podio de Toni Rominger.

Nava Castro matizou tamén que este ano, no que se celebra o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, de novo “a Volta será o gran evento que difundirá a través das pantallas do todo o mundo as potencialidades paisaxísticas, culturais, históricas e turísticas da nosa comunidade e axudaranos a proxectar ao mundo as singularidades da terra meta da Ruta Xacobea”.

Nava Castro explicou tamén que o paso da Volta xera un gran impacto mediático e unha gran repercusión a nivel dos medios de comunicación. “A pasada edición acadou unha cobertura de máis de 30 canles de televisión en 190 países e xeráronse 180 mil artigos na web e 6 mil na prensa, así como máis de 600 repercusións en radios e preto de 500 noticias de televisión”, dixo. E apuntou a gran repercusión do evento a través das redes sociais e das canles de Youtube.

22 de xullo de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.