Música e fogos artificiais para despedir as Festas do Apóstolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

As Festas do Apóstolo pecharanse, como é xa habitual, cos Fogos fin de festa a partir das 23.30h na xornada do 31 de xullo. Pero para o último día das festas tamén temos catro propostas musicais. Charanga en Praterías, La Maravillosa Orquesta del Alcohol no Atardecer no Gaiás, concerto de Juan Perro & La Zarabanda e a orquestra Olympus na Praza do Obradoiro como colofón da xornada.

Ás 20.00h comeza o pasarrúas da Charanga Mekánika pola cidade histórica e xa ás 21.00h teremos unha das propostas do Atardecer no Gaiás: concerto con La Maravillosa Orquesta del Alcohol con entrada libre. Trátase dun orixinal sexteto que mestura música acústica e instrumentos como acordeón, banxo, mandolina e saxofón. Cun son que bebe do folk, o blues, o country e o rock & roll, esta banda burgalesa (tamén coñecidos como La M.O.D.A) leva case 3 anos sen parar de facer cancións e actuar por todo o país: en festivais, como teloneiros de artistas internacionais (Dropkick Murphys, Frank Turner), en salas, bares e na rúa.

Ás 22.00h, na Praza da Quintana, teremos en concerto a Juan Perro & La Zarabanda, con entrada libre ata completar aforo. Zarabanda é o nome do primeiro cante e baile de negros nado en Andalucía que alcanzou renome internacional. Con el reaviváronse influencias de xudeus e mouriscos expulsados, os xitanos contribuíron probablemente de maneira decisiva á súa transformación e á súa difusión. A imaxinación popular e literaria personificou a Zarabanda como muller pública de lenda que difundiu o seu feitizo por Sevilla, polos portos gaditanos e polas Indias Occidentais. Juan Perro non resistiu a tentación de relacionarse en escena coa Zarabanda reencarnada. Non é o primeiro da súa especie que experimenta tal sedución: segundo Miguel de Cervantes, o famoso can Berganza bailaba a zarabanda e a chacona “mellor que a súa inventora mesma”. Durante o 2014 Juan Perro & La Zarabanda virarán alá onde se lles reclame, unha jauría de músicos dispostos a ofrecer unha gran velada que chegan mañá a Compostela.

Tras ese concerto, ás 23.30h teremos os xa tradicionais Fogos fin de festa no Campus Sur e a partir das 24.00h pechamos esta edición das festas cun espectáculo da Orquestra Olympus na Praza do Obradoiro.

30 de xullo de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.